A artista muxiana inaugura a súa obra «Nemancos» a partir das 20.00 horas
04 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O faro de Fisterra inaugura hoxe ás 20.00 horas a exposición de pintura e escultura Nemancos, da artista muxiana Viki Rivadulla, que atopou a inspiración nos primeiros habitantes da comarca. Intervirán no acto de presentación os artistas Alexandre Nerium, Juan Alberto Moure, Teresa Ramiro, Paco Souto e Xosé Iglesias.
-¿Cal foi a súa inspiración para realizar esta exposición?
-A mostra chámase Nemancos, que é o nome antigo da comarca de Fisterra. Refírome á xente que viviu aquí hai tempo e como se relacionaron co territorio. Eu pregunteime como vivían esas persoas, xa que tiñan as casas na praia e, moitas veces, a auga entraba nas súas casas. A min gústame pensar que eran medio peixes, unha raza mitolóxica. Por iso, as obras que están expostas teñen estes seres con escamas e que habitan na costa e fúndense co territorio.
-¿Que supón para vostede expoñer no faro de Fisterra?
-É algo moi importante para min. É un emblema da nosa comarca, un lugar diferente e único. Creo que esta exposición alcanza un punto especial neste entorno. Aí vese esa natureza que se lle impón ao home. As personaxes convértense en elementos da paisaxe. Por iso, Fisterra fai de marco incomparable para esta exposición.
-¿Cantos cadros compoñen a mostra?
-Son case vinte cadros e catro esculturas. A exposición era máis grande pero non entraba toda e tiven que facer unha selección.
-¿Como mostra nesta obra o papel da muller?
-As mulleres que pinto eu sempre son fortes. Non se trata da típica muller sumisa que espera polo marido mariñeiro. É unha forza motora e activa da sociedade. Nesta exposición eu busquei combinar tanto aos homes como ás mulleres, xa que quería mostrar esa raza mariñeira que se complementa e loita contra os elementos da terra. Cando o home vai no mar, é a muller a que loita na terra e transmite os valores da sociedade mariñeira. Grazas a esa muller que leva o peixe polas aldeas adiante pódese subsistir. A día de hoxe aínda existen estas mulleres e somos importantísimas para seguir tirando desta sociedade e resistir. Polo tanto, esta exposición non só representa á Costa da Morte, senón a toda Galicia.
-¿Ten xa na mente algunha outra exposición?
-Vou seguir co tema do mar, porque é a miña vida e onde vivo. Pero tamén teño gañas de facer cadros de crítica social, polo momento no que estamos a vivir. Temas como a emigración e a xente desfavorecida.