«En Fisterra gusta moito a carallada»

Á. Palmou

FISTERRA

XESUS BUA

O entroido da localidade recupera unha tradición esquecida durante anos

12 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O fisterrán Roberto Traba Velay sempre ten estado moi ligado ao entroido da súa localidade. Durante anos foi o autor das letras de moitas das comparsas que animaron o seu coñecido festival e este ano volve ao primeiro plano como principal responsable da recuperación dun festexo que el mesmo contribuíu a instaurar a finais dos anos 80, pero que se perdera hai xa uns poucos anos: a Queima do Polbo.

-¿En que consistirá a celebración?

-O polbo irá a ombreiros de doce persoas e está caracterizado dun personaxe que tivo bastante sona este ano. Sairá sobre as seis da tarde da Aula de Pesca e na praza farase o funeral con tres curas pero xogando sempre co dobre sentido de polbo/polvo; de feito nas letanías o pobo responderá ?ai que ghustiño?, Tamén cantará o coro parroquial unha canción fúnebre e actuarán as pandeireteiras. E sobre as sete da tarde queimarase na praza da Ribeira.

-¿Cal é a orixe desta celebración?

-Eu estivera xa a primeira vez que se fixo, que debeu ser polo ano 88. Queriamos facer algo diferente ao da Sardiña.

-¿Non ten relación co accidente do «Casón»?

-Foi por aquela época, pero non foi o Casón a causa de que se fixera o Polbo. No cabodano do Casón, non polo entroido, fíxose a Queima do Casonciño.

-¿Por que se animou a recuperalo este ano?

-Porque con isto da crise hai que tratar de que a xente se anime e de levantarlle o humor. E tamén porque o entroido está caendo bastante en Fisterra con respecto a súa época de auxe, hai dúas décadas. O máis importante de aquí sempre foron as comparsas, a sorna e esa especie de teatro que facemos que logo todo o mundo foi copiando.

-¿Por que deixou de facer as letras das comparsas?

-Non foi só por cansazo, tanto meu como da xente, senón tamén porque comezaban a mandar rapaces pequenos e o ideal é que sexan persoas de vinte anos para arriba. A xente foise cansando, non sei se pola crise ou polo que pasa aquí en Fisterra moitas veces: que empezamos todo con moitísimo auxe e logo parece que... Bueno, menos a Semana Santa, que iso sempre funciona.

-¿Pode máis a devoción que o entroido?

-Non, o que pasa é que a Semana Santa é unha das cousas máis emblemáticas de Fisterra, mentres que o entroido é... moderno non, porque xa en 1914 había un médico que era tamén músico e escritor, Desiderio Paz Figueroa, que fixo moitas comparsas que os máis vellos, ou os fillos dos fillos aínda recordan: Los Diablos, Los Astrónomos... El caracterizaba aos mariñeiros e ían cantando polas rúas o que ocorrera nese ano: se a alguén lle roubaran os chourizos pois cantaban iso, mentres que agora son máis de crítica política.

-Será porque a esencia do entroido tamén é aproveitar estas datas para transgredir e ser máis críticos co poder.

-Si, pero agora hai un pouco de mestura de todo. Agora tamén todo o mundo quere ir maquillado; hai comparsas que coidan ata o máis mínimo detalle, pero a esencia é a sátira, a ironía e o bo facer, porque tampouco se pode caer na zafiedade. Canto máis fino moito mellor porque non podes chegar á praza dun pobo e dicir ?mecaghon tal?.

-¿Como foi a resposta da xente cando propuxo recuperar a Queima do Polbo?

-Teño a sorte de que a xente responde ben porque xa pasou coa Festa do Longueirón e os piratas. Se a xente apoia e ve con bos ollos o que eu fago, pois eu encantado da vida. Na construción do polbo estamos traballando sete ou oito persoas, eu fago as letras tamén e despois está o coro da igrexa, as pandeireteiras, os que veñen de monaguillos... O venres faremos unha xuntanza para que veñan os que queiran colaborar e despois faremos dous días de ensaios no salón de actos no que tamén poderá participar quen queira responder aos salmos. Á xente de Fisterra gústalle moito a carallada.

-¿Non dá algo de mágoa que todo o traballo acabe no lume?

-Si, a verdade é que si, pero ten que ser así. Os polbos están moi ben cando se mete, pero cando se acaba... ata o ano que vén. Así que invitamos a toda a xente a que veña á Queima deste polbo porque lles vai dar moito gustiño.