Unha xoia de 1916 que quere prolongar o camiño de Fisterra cara a ría de Noia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco REDACCIÓN / LA VOZ

FISTERRA

suso xogaina

TURISMO A TODA COSTA | O Joaquín Vieta, un veleiro centenario | A idea é que o balandro realice viaxes entre a Costa da Morte e Barbanza este verán

23 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de noieses amantes do mar embarcábanse alá polo 2008 nun ambicioso proxecto. Rescataban un vello veleiro que funcionaba como barco auxiliar das bateas co fin de devolverlle a súa imaxe orixinal. O seu sono materializábase hai un lustro, cando o Joaquín Vieta, un balandro que fora botado no 1916, sucaba de novo as augas. Agora, o reto destes veteranos mariños é establecer unha conexión marítima entre Fisterra e Noia. Trátase dun proxecto que nace con fins turísticos e culturais para aproveitar o tirón do camiño de Santiago.

A idea dos artífices deste proxecto, a asociación dona do antigo barco que preside Juan López Oviedo, é contar coa colaboración da asociación Ría da Estrela por unha banda e do albergue oficial de peregrinos de Fisterra pola outra. De feito, xa se estableceron contactos con moi boas perspectivas. Do que se trataría é de realizar este verán unha especie de experiencia piloto, consistente en embarcar no Joaquín Vieta a unha ducia de turistas de diferentes nacionalidades por semana, que terían que cumprir o requisito de ter feito algún dos camiños oficiais de Santiago.

Despois de percorrer as 25 millas que separan Fisterra da ría noiesa, cada delegación visitaría unha das localidades que integran a Ría da Estrela, mancomunidade que forman Lousame, Muros, Noia, Porto do Son e Outes; durmindo nelas antes de poñer rumbo á cidade compostelá. Aínda que neste período de probas, as viaxes terían carácter gratuíto para os beneficiarios, do que se trata é de que no futuro esta iniciativa abra vías de negocio: «Consideramos que isto ten moitas posibilidades e que pode chegar a converterse nun produto turístico de calidade», apuntou López Oviedo.

Os participantes nestas travesías tomarán parte activamente nas manobras do Joaquín Vieta e tamén contarán con información detallada sobre os atractivos do territorio que verán sobre o barco, nun percorrido que se prolongará entre catro e cinco horas: «Queremos divulgar a navegación tradicional e tamén os múltiples encantos que ten o mar. Todo o mundo quere ir ás illas do Parque Nacional, pero a costa galega ofrece outras moitas posibilidades».

Ao amparo deste proxecto tamén poderían cobrar máis forza aqueles outros que hai para poñer en marcha albergues en Noia e no Freixo (Outes), e mesmo para darlle vida ás habitacións habilitadas no mosteiro de Toxosoutos (Lousame).

Viaxes para grupos

Mentres este proxecto vai collendo forma, o Joaquín Vieta continúa atracado no peirao do Freixo, desde onde ofrece a posibilidade de realizar diferentes travesías, viaxes orientadas a grupos reducidos. «Sempre buscamos que a xente que sube a bordo realice algo máis que unha sinxela viaxe. Por exemplo, a última saída que tivemos foi para os participantes nun congreso de economía pesqueira da USC, que viron de preto as bateas e o traballo que nelas se realiza», apuntou Juan López.

As remontadas polo río Tambre constitúen outro dos itinerarios preferidos dunha tripulación que está integrada por unha ducia de mariñeiros: tres son patróns titulados e o resto exercen de guías turísticos. Todos eles traballan sen salario, coa promoción da cultura como recompensa e co fin de obter fondos cos que seguir tendo o vello balandro a punto.

Satisfeitos de terse embarcado naquela aventura que permitiu salvar o centenario veleiro, estes vellos mariñeiros amósanse dispostos a, no futuro, ceder o barco para o seu emprego con fins turísticos: «Este veleiro é un museo flotante, que pode dar cabida a exposicións ou a presentacións de libros, ademais de seguir realizando viaxes. Para eses fins foi restaurado e así nos gustaría que se mantivese no futuro. Por iso, entre os nosos plans está cederlle a titularidade á mancomunidade Ría da Estrela».