Premio Nacional de Narrativa, é este ano a madriña dos certames literarios de La Voz e Concello de Dumbría
27 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Sendo algo da Costa da Morte, non tiña máis remedio que dicir que si». Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), muller comprometida, escritora, académica, tradutora, primeira autora galega en obter o Premio Nacional de Narrativa (As malas mulleres, 2022), toma o relevo de Rodrigo Costoya e exercerá este ano de madriña dos certames literarios Territorio Vákner, convocados por La Voz e Concello de Dumbría tanto na súa categoría escolar como de adultos e con prazo de participación aberto ata o 20 de outubro.
—Unha responsabilidade máis.
—Si, pero sendo Dumbría un concello comprometido coa nosa cultura e coa memoria democrática como é... eu encantada. Lembro actos no Ézaro sobre os guerrilleiros agochados no Pindo...
—Tamén levou ao Vákner á súa obra «A vaca de Fisterra e a trabe de Alcatrán». Que ve nesta figura?
—Folclore e lendas son interesantes. O bispo Mártiros peregrinaba e el tiña que contar algo para dicir que era moi valente, un milhomes, e así relata que se atopou en Dumbría cunha especie de lobishome xigante. Loiadas [ri], iso non é cousa de agora das redes. Teño feito o Camiño, chegando a Fisterra, percorrín a pé moita da Costa da Morte, teño formación de zoóloga, e nunca vin lobishomes. Aínda así teño bastante simpatía por eles. Son moi seguidora de Antonio Reigosa, Xoán Ramiro Cuba e Xosé Miranda: no seu Dicionario de seres míticos galegos aluden a el, e a que Mártiros o que atopou aquí eran comedores de peixe. Faime graza. No meu poema Comedores de cabezas toco iso, que algo que identifica ás xentes de Galicia é comer as cabezas dos peixes. Iso vino eu na casa do meu compañeiro, en Toba, Cee. Cheguei a Galicia con 25 anos e foime máis difícil aprender a comer cabezas de peixe que aprender o galego!
—En «As malas mulleres» ou en «As bocas cosidas» vostede conta a historia dos que non tiveron voz. E a versión do Vákner?
—Pois igual hai que intentar falar con el, un destes días toca lúa chea. O lobishome non o é por vontade propia. Iso está na mitoloxía popular de moitos países e en novelas tan famosas como as de Harry Potter. Eu traducín o primeiro libro, que por certo por fin se vai reeditar agora. Hai aí un personaxe encantador, Remus Lupin, un dos bos, e é lobishome. Que lle pediría eu ao Vákner? Que nos defenda á xente da Costa da Morte.
—De que?
—Do cambio climático, por exemplo, unha das ameazas máis grandes. Este verán bañeime en Langosteira todos os días, e antes en calquera praia de Fisterra metías un pé e volvíase bloque de xeo. Tamén podería axudar a manter a raia a algúns peregrinos, non todos, que non teñen en conta que naqueles lugares polos que pasan viven persoas. Hai lugares desbordados, postos de moda, con tendas de souvenirs cada dous pasos. Tampouco pode ser que as caravanas queden en praias da nosa comarca como se fose un cámping, botando días. Téñoo falado con algún alcalde e con gardas. Son unha muller viaxeira, tamén turista, pero é preciso un respecto polos lugares que se visitan. O cabo Fisterra non pode acabar convertido nun lugar no que se soltan botas, calcetíns e demais cousas.
—O Vákner sostén hoxe en Dumbría e na comarca unha identidade territorial, social, deportiva, cultural...
—Lembro a primeira vez que vin na estrada iso de Territorio Vákner. É proba de que persoas diferentes, seres de diferentes ideas e incluso forma, podemos convivir. O contrario desa idea xenóbofa á que nos está levando á dereita, con expresións como chamar invasores aos rapaces que entraron en Ceuta. Unha barbaridade.
—Préstase un lobishome a tirar da imaxinación duns e outros.
—Cada persoa pode interpretar dun xeito distinto, e todo o que sexa poñer en valor a cultura galega, incluíndo nela estes mitos, está ben. Todo o que sexa favorecer o galego nun momento no que está a pasar por tantas dificultades... Insisto: Vákner, acódenos!
—Que papel xogan os certames?
—Teñen unha función importante. Moitas das persoas que escriben agora comezaron gañando premios. As linguas apréndense practicándoas. Escribir en galego é desenvolver a competencia nel e ao mesmo tempo tomarlle cariño. Sinceramente creo que este ten que ser o camiño, un cariño que nos faga ver que o galego, a cultura galega, é patrimonio. E dentro da cultura, pois aí está o Vákner.
«O Batallón tivo moito que ver en que eu acabase facendo poesía»
A conversa con Marilar é abondosa en capas, coma pólas dunha árbore que se van expandindo, pero sen chegar a perder nunca a áncora ao tronco. Así, ao fío do Vákner e da súa fonética, ela é quen de falar do Fafner, dese dragón da mitoloxía nórdica e xermánica, ou dos nibelungos. É quen tamén de falar da toponimia, da importancia que se lle concede en Galicia ao lugar do que un é, e mesmo dunha anécdota que xa é patrimonio familiar: como un «de Buxantes» foi entendido «debuxante» cando se presentou para solicitar un posto de traballo. Marilar clama asemade por «unha voltiña» —e moito máis— para as políticas do Goberno galego con respecto ao idioma e a súa presenza no ensino e tira de memoria para evocar como ela se achegou ao galego e naceu como galega en Vigo, en tempos dunha asociación de veciños clandestina: «Cheguei pouco antes de morrer Franco». Lembranzas e vivencias doutros foron camiño a unha lingua que fixo súa, xa logo coa Costa da Morte como patria emocional e literaria. Os afectos contribuíron, e son moitas as obras con presenza do noso: Xallas, Brandomil, as Lobeiras e tantas outras paisaxes, entre as que tamén se documenta o Toba familiar.
Non é allea a que este 2026 é un ano especial, o do 30.º aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte, «empresa colectiva que xuntou xente arredor da idea de facer literatura, especificamente poesía». Que a quixesen incluír naquel grupo de xente moza pese á diferenza de idade tróuxolle orgullo: «Está moi ben isto de ser adoptada polo Batallón tendo nacido en Madrid». Aí rebelouse aínda máis a súa identidade Costa da Morte. O Batallón foi panca «para que eu empezase a facer poesía». Estreouse con Catálogo de velenos e segue cultivando o verso: así, a comezos de outubro chegará o seu novo poemario, Terra baixo as uñas.
De formación bióloga, refire a novela Pel de lobo, de Xosé Miranda, cando se lle pregunta por esa teoría que algún concursante ten formulado, que o Vákner fose muller. Reflexiona sobre o lobo como «liberdade» e non desaproveita a ocasión de rexeitar lecturas superficiais, ignorantes ou interesadas politicamente do recente informe PISA. Pódeo facer porque, como ela di, tivo «unha dobre vida»: «Agora estou xubilada, pero fun investigadora, profesora na USC, membro do comité de PISA». Sabe das competencias, do que son, e pon o foco en que as cifras amosan sobre todo unha caída importante no alumnado de máis alto nivel socioeconómico. Haille que dar unha voltiña grande, di, ao da competencia lectora, e ao abuso da intelixencia artificial xenerativa.
TOME NOTA PARA OS CERTAMES
Para escolares. Dúas categorías. Unha, para alumnos do terceiro ciclo de primaria: cursos quinto e sexto. Outra, para estudantes de secundaria. En ambos casos poden participar colexios e institutos de todos os municipios polos que transcorre a ruta ao finisterrae: isto é, Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. Inclúense tamén Vimianzo e Carnota, por estudar en centros destes territorios alumnos de Dumbría. As creacións han de ser inéditas, escritas en galego, cunha extensión máxima de 1.500 caracteres con espazos. A temática: misterio, medo, Vákner, o Camiño a Fisterra e Muxía. Seleccionará un xurado cinco contos de cada categoría e serán publicados en La Voz. Recibirán todos eles diploma, obsequio os tres primeiros en cada apartado e o centro educativo correspondente do autor ou autora que acade maior puntuación, 750 euros. Por tanto, 1.500 en total. Cada centro ha de enviar os textos identificados a eventos.carballo@lavoz.es ou por correo ordinario á delegación de La Voz en Carballo (rúa Gran Vía, 84, 15100).
Para adultos, ou maiores de 16 anos. Pode concorrerse desde calquera punto de Galicia ou fóra dela. A temática coincide coa da categoría escolar, e tamén han de ser inéditos e en galego, mais neste caso a extensión mínima é 4.000 caracteres e a máxima de 6.000, espazos incluídos. O xurado seleccionará tres, que se publicarán en La Voz, e cuxos autores levarán diploma, peza distintiva e, no caso dos dous primeiros postos, 2.000 e 1.000 euros. O texto, identificado con lema e pseudónimo, ha de facerse chegar acompañado dun sobre pechado cos datos do autor: La Voz de Carballo, rúa Gran Vía, 84, 15100, A Coruña.
Tanto na categoría para escolares como na de maiores de 16 anos, o fin de prazo está fixado para o vindeiro 20 de outubro.