O certame literario leva anos agrandando as letras imaxinadas arredor do Camiño a Fisterra e Muxía
27 sep 2026 . Actualizado a las 00:51 h.Ten un aquel de fermosura que arredor dun monstro con aparencia de lobishome se fose capaz de armar toda unha identidade social, turística, deportiva e dende logo cultural. Esa será para sempre unha das maiores conquistas do Vákner, a contemporánea, e en verdade parte dunha primeira inicial, de finais do Medievo, o ter aterrorizado aló polo ano 1493 ao bispo armenio Mártiros de Arzendján. Así o deixou este escrito nas súas crónicas históricas referentes á peregrinación que facía á fin do mundo. Agora, séculos despois, La Voz de Galicia dende a súa redacción en Carballo e o Concello de Dumbría levan anos promovendo os certames literarios Territorio Vákner con dobre fin, darlle dimensión literaria a aquel encontro nos montes dumbrieses e agrandar as letras imaxinadas arredor do Camiño a Fisterra e Muxía. Estas dúas cuestións, o Vákner e o Camiño, así como o medo, o terror, o misterio, han ser a temática dos contos e relatos que se acheguen aos concursos, con prazo aberto ata o 20 de outubro tanto na súa categoría escolar —sexta edición— como de adultos a partir de 16 anos —quinta—. Case un mes.
AS CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN
Na categoría escolar do certame Territorio Vákner, que procura contos en galego, inéditos e de máximo 1.500 caracteres con espazos, hai dous apartados. Un, para alumnos de terceiro ciclo de primaria, cursos quinto e sexto. Outro, para secundaria. Poden participar centros educativos de todos os municipios polos que pasa o Camiño a Fisterra e Muxía: Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Muxía e Fisterra. Tamén Carnota e Vimianzo, por ter alumnado dumbriés. O xurado seleccionará cinco de primaria e cinco de secundaria, e os dez publicaranse en La Voz. Ademais de diplomas e agasallos, cada un dos dous centros ao que vaia parar o primeiro premio levará 750 euros. No caso da convocatoria para maiores de 16 anos ou adultos, os relatos escollidos serán tres, que tamén se publicarán, premiados con 2.000 euros no caso do primeiro posto e con 1.500 no segundo.
Nesta categoría a extensión ha de moverse entre os 4.000 caracteres con espazos de mínimo e os 6.000 de máximo: inéditos e en lingua galega. Para facer chegar os traballos: eventos.carballo@lavoz.es ou rúa Gran Vía, 84, 15.100, Carballo. É o enderezo a onde os adultos tamén deberán remitir os seus, con lema, pseudónimo e sobre pechado no interior cos datos da autoría.