Vén de gañar o certame literario Territorio Vákner, de La Voz e Concello de Dumbría, na categoría de adultos. Mañá entréganse os premios
14 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O bispo e o dragón, fermosa peza musical de Alfonso Erias, levou estes días aos oíntes de Radio Voz ata o Camiño de Fisterra e Muxía, ata o bispo Mártiros e mesmo ata un monstro, o Vákner. Tamén ata o certame literario convocado en torno a el por La Voz e Radio Voz, co patrocinio do Concello de Dumbría. Máis de 300 textos concorreron ao certame, resultando gañador na modalidade de adultos Pedro Rielo Lamela (Pontevedra, 1972). Xa con traxectoria como escritor, Pedro é tamén xornalista e enviou un relato titulado Lúa chea sobre Pedra Cabalgada. Así falou ás portas da entrega de galardóns, que será mañá:
—Este concurso ten a particularidade de que os galardoados saben do seu premio ao mesmo tempo que o resto dos lectores. Onde o pillou a vostede a nova?
—A verdade que en Lugo, recollendo outro premio! Mandoume un WhatsApp un amigo e compañeiro, Luís Fraga, de Carballo. Penso que andaba por Razo, lendo a primeira hora La Voz de Galicia, como mandan os rigores, e foi el quen me fixo chegar a nova.
—Semella que está en horas produtivas como escritor.
—Casualidades! A literatura é unha afección, territorio compartido de todos. Unhas veces gañas, outras non, como na vida. Intento escribir relatos, contos, poesía, facer da imaxinación un territorio de liberdade, sobre todo nestes tempos difíciles nos que a realidade é dura e enguedellada.
—Como soubo do certame? Era a primeira vez que participaba?
—Neste certame, si. Coñecino polo xornal e xa puxen aí os ollos e as palabras. Parecíame inspirador. Nunca se sabe que vai saír, pero era un bo punto de partida.
—Que lle parece artellar algo como un concurso literario arredor dun ser a priori tan monstruoso como o Vákner?
—Algo fermoso. Gústanme as historias de terror, de medo, esas antigas que xa meus pais e avós escoitaban ao pé das lareiras ou da radio. E Territorio Vákner inspira porque ten varios elementos. Primeiro, o Camiño, un lindeiro do que aínda hai moita noite por contar. Tamén o propio lobo, home-lobo ou o que se queira, que se presta para xogar coas palabras. Logo está algo tan importante como é crear mitos, crear identidade. Xa coñecía un pouco de esguello a escultura do Vákner, dun gran escultor de aquí das Rías Baixas, Cándido Pazos. Aí está a súa historia e están tamén pezas musicais como esa de Erias, que nos leva ata un relato do século XV, tempo moi distinto ao de agora.
—No seu relato está a Pedra Cabalgada, pero tamén o Ara Solis, Buxantes, Moraime, o castro das Teixoeiras... Semella que coñece a zona, ou que a visita a miúdo.
—Si, teño estado por traballo en varias ocasións, e iso serviume para tirar da imaxinación. A propia Pedra Cabalgada préstase a iso, xa pola forma e ubicación, permitíndonos enxergar todo ese horizonte. Tamén o río Xallas e ese treito final do Camiño no que case tocamos o mar. Favorece que xurdan historias, mitos e razóns para seguir creando esa identidade da que falaba antes.
—Non tiña vencello coa zona?
—Ningún.
—Pois agora xa si!
—Agora si! Quedamos unidos por ese gran personaxe [o Vákner], ou polo tío Pedro, como moitos lle chaman tamén ao lobo. Ou o da boca rachada. Non sabemos moi ben quen era, pero mellor así case, non?
—Sen adiantar moito, xa que o relato se poderá ler mañá no xornal, que nos quixo contar?
—Quixen xogar coas palabras, revitalizar a nosa lingua, crear unha propia, moderna, actual. Xogar tamén coa propia imaxe, neste caso a dunha rapaza que chega a unha taberna, sempre centro de ruxe ruxe, coa misión épica e homérica de acabar coa besta.
—A súa traxectoria, con varias obras publicadas e premios como o Neira Vilas, é unha proba máis de que a fronteira entre literatura e xornalismo está diluída.
—Si, ao final traballamos coas palabras, co punto de vista de cada un e en certa maneira coa imaxinación, que tamén é importante no xornalismo. Dicíao Manolo Rivas: o xornalismo é un conto. Radio, prensa ou televisión tratan de atraer ao lector contando historias e tratando de ser orixinais. Non se consegue a veces, sobre todo en tempos de frivolidade nos que escasamente se profundiza e nos que a xente dedica pouco tempo ás novas. No meu caso, agora estou bastante centrado en escribir literatura, teño varios proxectos, algunha novela...
—Chegou á literatura por lecer, necesidade, gusto adquirido?
—Creo que por necesidade. Son da vella escola, un namorado dos cadernos, de escribir a man.
—«A verdade adoita ser teimuda», escribe no seu relato.
—Teimuda, pero múltiple. Sempre nos din que hai unha verdade, e eu creo que hai moitas. No Vákner hainas, e iso é o fermoso. Moitas teorías: se existiu, se non, se era un home, se un lobo, se un dragón... É bo deixar os puntos suspensivos e que cada quen remate a historia. Na literatura hai que deixar ese espazo evocador.
PARA TER EN CONTA...
Pode consultar o resto de galardoados nesta información.