Máis de 170 aspirantes a gañar os certames literarios Territorio Vákner

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Premiados na modalidade escolar e adultos, na recollida de galardóns do 2023 en Dumbría
Premiados na modalidade escolar e adultos, na recollida de galardóns do 2023 en Dumbría BASILIO BELLO

Participan centros educativos de Santiago a Muxía e máis de 30 autores na convocatoria de adultos

27 oct 2024 . Actualizado a las 11:37 h.

A sorte está botada. Rematou este pasado 15 de outubro o prazo de envío de contos e relatos de cara a participar nos certames literarios Territorio Vákner, tanto na súa modalidade escolar —cuarta edición—, como na de adultos, cunha convocatoria menos. Finalizado ese tempo, e contabilizados os textos remitidos a La Voz de Carballo, son algo máis de 170 as propostas aspirantes a facerse con algún dos dous concursos. Chegaron dende centros educativos 140, mentres que as plumas maiores de 16 anos remitiron un total de 32.

Na modalidade escolar, cunha categoría para terceiro ciclo de primaria —quinto e sexto curso— e outra para secundaria, foron un total de nove os colexios e institutos que quixeron probar sorte co Vákner. Podían participar todos aqueles situados en municipios polos que pasa o Camiño a Fisterra e Muxía, dende Santiago mesmo, e así foi, dende Compostela ata o finisterrae.

Chegaron en tempo e prazo contos procedentes do colexio Peleteiro e do instituto Rosalía de Castro (Santiago), do centro Agro do Muíño (Ames), do CEIP O Coto (Negreira), do Santa Eulalia (Dumbría), do Manuela Rial e Vila de Cee (Cee) e do Eduardo Noya e IES Ramón Caamaño (Muxía). Un ano máis, fonda representación da Costa da Morte.

Creatividade e talento

Os certames literarios Territorio Vákner, promovidos polo Concello de Dumbría e La Voz de Galicia dende a súa delegación en Carballo, teñen un fío temático. Co Camiño de fondo, contos e relatos han de ser de misterio, medo ou terror, coa figura do Vákner no centro, ese monstro co que durante a súa peregrinación relatou o bispo armenio Mártiros —ano 1492/1493— terse encontrado nos montes de Dumbría. Unha figura que xa ten escultura de seu no Marco do Couto e cuxa influencia positiva, dende o Concello dumbriés, artífice da súa resurrección, fan extensible aos demais concellos do Camiño, vocación intermunicipal.

Por máis que o contido ha de estar suxeito a eses parámetros, e ademais de agrandar a dimensión literaria da peregrinaxe e o Vákner, os concursos teñen como fin último promover a imaxinación e espertar o talento literario de nenos, mozos e adultos. Chega cos primeiros para dar ese obxectivo por cumprido. Hai nas súas liñas a veces un Vákner duro e fero, salvaxe e sen piedade, pero tamén hai a veces un Vákner protector dos camiñantes e mesmo da natureza, con vocación ecolóxica. Xa o dixera Natalia Lema, gañadora da primeira edición do certame para adultos: o Vákner ten o poder de ser todo aquilo que queiramos que sexa. No caso dos autores maiores de 16 anos, os textos habían de chegar baixo pseudónimo, polo que haberá que agardar á valoración do xurado para coñecer quen son os autores que este 2024 se animaron a participar. O ano pasado, plumas novas de para doutras xa con traxectoria.

Será o vindeiro domingo, 3 de novembro, cando neste mesmo medio se dean a coñecer os premiados: o xurado ha de elixir dez textos no caso dos adultos e outros dez —cinco en primaria e cinco en secundaria— na modalidade escolar. A maiores da publicación no xornal [tres primeiros de adultos e os dez escolares], de diplomas e agasallos, o Concello de Dumbría dota de retribución os concursos: 2.000 euros para o primeiro posto en adultos, 1.000 para o segundo e 750 para os centros nos que estuden os gañadores de primaria e secundaria (1.500 euros en total). Os galardóns entregaranse o sábado 9 de novembro. 

DÚAS DATAS CLAVES

  • 3 de novembro. Domingo. Ese día La Voz dará a coñecer os contos e relatos gañadores nas modalidades escolar e tamén de adultos.
  • 9 de novembro. Sábado. Entrega dos galardóns en Dumbría. Día de publicación tamén dos textos seleccionados.