Dumbría: cinco bibliotecas e un mes para vivilas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Caxoto Contacontos será o encargado de abrir a programación
Caxoto Contacontos será o encargado de abrir a programación BASILIO BELLO

O Concello organizou unha nutrida programación que inclúe contos, talleres, maxia, títeres...

12 abr 2024 . Actualizado a las 18:45 h.

Dende o martes 16 ao martes 30 de abril • Conmemorando o Día Mundial do Libro e polo tanto tamén o Mes do Libro, o Concello de Dumbría impulsa de novo unha nutrida programación que, dende o martes 16 ata o martes 30, incluirá contacontos, títeres, maxia, obradoiros de ciencia, manualidades... Ten este municipio rural, con menos de 3.000 veciños, cinco bibliotecas, todas elas incluídas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, o que permite a lectores de toda a comunidade facer uso dos seus fondos, ao tempo que faculta aos dumbrieses e dumbriesas a cruzar as portas de todas as demais integradas baixo este paraugas. Neste Mes do Libro, será a poboación infantil o público destinatario, maioritariamente, das propostas, que van máis alá do entretemento.

Trátase de facer ver estes espazos bibliotecarios como espazos abertos a todos, sobrepasando a mera concepción como contedores de libros. Historias, aventuras ou saberes fantásticos saen das bibliotecas, reivindica o Concello de Dumbría, que para estas iniciativas terá o cofinanciamento do programa Ler Conta Moito. Todas son de acceso libre e gratuíto, ata completar aforo. Avanzan ademais que, logo da incorporación no 2022 de case un milleiro de obras novas, e de que no 2023 se mellorase a colección, haberá nos vindeiros meses máis novidades en canto a álbums ilustrados, literatura infantil, xuvenil e tamén para adultos.

Caxoto Contacontos abrirá este próximo martes as propostas na biblioteca de Berdeogas. Alba Farto pasará por Buxantes o 19 cun obradoiro de lettering. O Conco acollerá o martes 23 un taller de robótica. Antía Yáñez visitará O Ézaro o 26 cun taller científico. E OQO Editora rematará o 30 en Olveira con manualidades. Todo, ás 18.00 horas.