Dumbría, a capital rural das bibliotecas galegas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

ANA GARCÍA

Con menos de 3.000 habitantes, este concello ten cinco espazos incluídos na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Suman 24.395 obras, unha altísima ratio de libros por veciño

23 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Menos de 3.000 veciños (2.909, según o IGE) e cinco bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (RBPG). É o caso de Dumbría, que se sitúa entre os cinco concellos galegos con maior número de espazos nesta rede, só superado por Oleiros, con seis (37.271 habitantes), e ao mesmo nivel ca Arteixo (33.076 veciños), Cangas (26.832 habitantes) e Cambados (13.671). Municipios dun perfil urbano, moi diferente ao dumbriés, polo que vén se pode dicir, con tal singularidade, que este da Costa da Morte é a capital rural das bibliotecas galegas.

Dedúcese todo ilo da orde de axudas da Xunta deste ano a entidades locais para dinamización de lectura, feita pública recentemente, e outorgadas precisamente en función do número de espazos integrados na RBPG: a Dumbría correspondéronlle 4.333,30 euros, ao igual a Cangas, Cambados ou Arteixo, e por riba de concellos como Carballo ou Zas, con dúas bibliotecas na rede (1.733 euros), de Vimianzo, Cee, Corcubión, Camariñas, Ponteceso, Cabana ou Laxe, con unha (866 euros) e, dende logo, por riba daqueles outros da comarca que non teñen ningún espazo subvencionado con esta axuda.

Obradoiro de maxia, este pasado venres, en Olveira
Obradoiro de maxia, este pasado venres, en Olveira

Integrar a RBPG supón cumprir importantes requisitos, e así é nas cinco deste concello, a biblioteca municipal do Ézaro e as Axencias de Lectura de Olveira, Buxantes, Berdeogas e Dumbría, todas elas con instalacións acondicionadas para actividades variadas, como as de dinamización, algunhas a través do programa Ler Conta Moito. Actualmente está en marcha, precisamente, o Abril de Libros. Só no 2022 entraron nas bibliotecas de Dumbría un milleiro de libros, subindo a 24.395, unha altísima ratio por veciño: 8,38. Foi ademais o o Concello beneficiario recentemente doutra liña autonómica de axudas, publicada o 13 de abril, precisamente para a compra de libros, tanto novidades editoriais en lingua galega, para o que percibiu 792 euros, como para a mellora de coleccións bibliográficas, recibiendo deste lado 1.554. Axudas entregadas, neste caso, en función da poboación. 

JOSE MANUEL CASAL