La Voz convoca novas edicións dos certames literarios Territorio Vákner

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Rapaces e adultos premiados nas dúas últimas convocatorias destes dous certames literarios
Rapaces e adultos premiados nas dúas últimas convocatorias destes dous certames literarios BASILIO BELLO

Patrocinan Concello de Dumbría e Deputación da Coruña, este ano con 4.500 euros en premios. Haberá categorías para adultos e para escolares: primaria e secundaria

09 abr 2023 . Actualizado a las 23:40 h.

Quizais non era máis ca un recordatorio da nosa vergoña como familia. Algo que nos lembra a miseria que tivemos e a necesidade de gardar, como din os vellos da risa para a chora. Quen sabe.

Estas superiores son as derradeiras liñas do texto O Vákner era unha muller, co que a vimiancesa Natalia Lema gañaba no 2022 a primeira edición do certame literario Territorio Vákner para adultos. Pois ben, está convocada xa unha nova edición deste concurso que procura relatos de misterio entre maiores de 16 anos, e tamén unha terceira entrega do certame dirixido ao ámbito escolar, neste caso na busca de contos.

O Camiño de Fisterra e Muxía, percorrido durante milenios por peregrinos de todo o mundo, foi legado á posteridade por multitude de manifestacións literarias e históricas. Algo que pode e debe seguir tendo continuidade no patrimonio colectivo en forma de novas creacións, de aí que La Voz de Carballo, co patrocinio do Concello de Dumbría e da Deputación da Coruña, convoquen novas remesas destes concursos Territorio Vákner. Iniciativas que, sobre esta base, pretenden doutro lado, e con non menos importancia, darlle dimensión literaria ao feito histórico documentado no 1493, cando o bispo armenio Mártiros de Arzendján relatou terse enfrontando en montes de Dumbría ao monstro Vákner. A criatura, que dende o 2022 loce no municipio en forma de non pequena escultura, busca, pois, quen mellores textos lle escriba.

Modalidade escolar

No caso do certame escolar, o primeiro dos promovidos no seu día, aléntase a descuberta de talento literario, o espertar da imaxinación entre alumnos dos centros educativos dos concellos polos que transcorre este Camiño: Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. Hai dúas categorías, unha para terceiro ciclo de primaria (cursos de quinto e sexto) e outra para secundaria. Nesta modalidade, as creacións han de ter un máximo de 1.500 caracteres, con espazos, e unha temática vinculada ao misterio, ao medo, ao Vákner.

O xurado seleccionará cinco de primaria e cinco de secundaria, sendo estas dez pezas publicadas en La Voz. Os seus autores recibirán diplomas, con premios, ademais, para os tres primeiros postos de cada etapa. Como novidade deste ano, a dotación económica: 750 euros para o centro educativo no que estude o alumno cuxo conto acade o primeiro posto en primaria e para o do primeiro en secundaria. En total, pois, 1.500. Os textos han de enviarse a eventos.carballo@lavoz.es antes do 20 de maio, correctamente identificados: nome e apelidos do autor ou autora, curso e colexio ou instituto.

Modalidade para adultos

No caso da modalidade do certame Territorio Vákner para adultos, os relatos haberán de moverse entre unha extensión mínima de 4.000 caracteres, con espazos, e unha máxima de 6.000. De novo, como temas: misterios, Vákner, Camiño. Un xurado elixirá os dez mellores textos, habendo para todos eles diploma e peza distintiva. Os tres máis puntuados serán publicados e os seus autores recibirán ademais produtos ou servizos do Camiño. Novidade tamén, a dotación económica do galardón este ano: 2.000 euros para o primeiro posto e 1.000 para o segundo. Os textos deben remitirse fisicamente a La Voz de Carballo (rúa Gran Vía, 84, 15100, Carballo) antes do 20 de maio, con lema e pseudónimo. En sobre pechado, os datos persoais e de contacto.

Pingas literarias 2022

1.º PREMIO ADULTOS | Natalia Lema Otero

«A miña familia é unha longa estirpe de mulleres matriarcais que sostiveron o mundo e a súa prole como fardos sobre as súas cabezas. Co seu esforzo titánico fixeron que unha pota de caldo vello rendese para hoxe, mañá e pasado...»

1.º PREMIO PRIMARIA | Xiana Pousa Pazos

«Cóntanme lendas moi raras sobre todos os monstros que habitan en lugares extravagantes, pero é a primeira vez que miña nai me conta unha lenda de Galicia, da miña terra. Seica unha besta peluda andaba (...)»

1.º PREMIO SECUNDARIA | Miguel Mosteyrín

«Hai moito tempo, antes de que me descubriran, eu vivía tranquilo na miña cova e atopábame ben. Roubaba algo de comida nas casas. Ai, como me gustaban eses pasteis de Matilde ou aquelas mazás de Pepe! (...)»