José Manuel Pequeño: «Creo que a sinxeleza foi o meu poder»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

BASILIO BELLO

Logo de corenta anos como alcalde, o rexedor de Dumbría non se volverá presentar á reelección

21 ene 2023 . Actualizado a las 15:51 h.

O municipio coruñés de Dumbría só tivo dous alcaldes en toda a democracia: Jesús Gómez Dovale, que rexeu de 1979 a 1983, e José Manuel Pequeño, que en maio abandonará a política logo de corenta anos como mandatario. Anunciouno aos seus compañeiros socialistas hai escasos días, en Fitur, a onde acudiu como presidente da Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía. Abandeirado do deporte e do itinerario xacobeo, transformou o municipio e converteu a fervenza de O Ézaro nun símbolo turístico.

—Que o levou a tomar esta decisión?

—Estivemos catro anos nunha situación moi dura e a pandemia fíxonos ver cousas que ata agora non víamos, como a necesidade de pasar tempo coa familia, de vivir outra vida. Son xa corenta anos e é hora de facer ese cambio, pero será un cambio moi tranquilo, un punto e seguido, pois continuará o mesmo equipo e agardamos que a xente de Dumbría lle dea o seu apoio. En canto a min... un animal político non esquece a política así como así. Seguirei estando.

—Na comarca o resto de rexedores socialistas botarano en falta, de seguro.

—Cada concello é diferente e a xente sabe remar por si mesma. Agora ben, a miña vocación foi sempre a de servir e para calquera cousa que me pidan aí estarei. Hai que ter en conta que foron anos moi difíciles para tódolos alcaldes, e iso é algo que en maio habería que valorar.

—Con que se queda destes corenta anos?

—O que levo comigo, e o que me guiou en todos estes anos, é a conciencia. Lévoa tranquila para a casa, e iso é algo fundamental. Para min foi un pracer, un privilexio compartir esta etapa con tódolos veciños e facer de Dumbría, que estaba nunha posición case invisible, un lugar de referencia en moitos aspectos. Temos que sentirnos orgullosos.

—Raúl González perfílase como o seu sucesor. Que valorou nel?

—Agora será a agrupación local [socialista] a que o teña que referendar, pero penso que é a persoa idónea para continuar co proxecto. Creo que para estar aí hai que ter bagaxe e formación na vida municipal e social. Non me gustan os «paracaidistas», como eu lles chamo.

—Imaxinaba, naquel primeiro mandato, que sería alcalde durante corenta anos?

—Para nada, pero agradezo aos veciños que me deixasen compartir con eles estas etapas marabillosas. Tamén ao meu equipo. Sempre digo que tirei da miña profesión de arquitecto para construír un futuro, pero unha obra non sería nada sen capataces, albaneis, peóns, fontaneiros...

—Que caracterizou a súa forma de facer política para que os veciños seguisen dándolle a súa confianza?

—Eu creo que a sinxeleza foi o meu poder. E tamén pensar que non hai erros, senón situacións ás que hai que dar solución.

—Quedoulle algo no tinteiro?

—En política, cando aínda non remataches cunha cousa, xa estás con outra nova. Nunca prioricei o aspecto económico, o primeiro no que me fixo é se é algo que pode ser de interese para o municipio ou para a comarca. Sempre tiven moita imaxinación e mesmo estes días en Fitur se me ocorreron cousas. A cabeza non para! A pesar de que esta etapa xa remate para min...

—Foi testemuña en primeira liña de corenta anos de historia comarcal. Cal cre que son os desafíos que ten por diante a Costa da Morte?

—O máis importante é que a Administración, a Xunta, vexa á Costa da Morte con distintos ollos. Non se poden identificar as comarcas por cores políticas. Presumimos de ser a fin do mundo, de ter a última posta de sol, do Camiño... Ese Camiño que une ás dúas catedrais máis importantes de Galicia: a de Santiago, construída polo home, e o Cabo Fisterra, feito pola man de Deus. Estando tan lonxe, precisamos servizos públicos, inversión e un obxectivo claro por parte da Administración. Senón, como se van instalar as empresas e fixar poboación? Non se pode pensar só no vento.

—Que será o primeiro que faga cando deixe de ser alcalde?

—Primeiro terei que adaptarme e ver se me aguantan na casa, que vai ser un cambio grande! [ri]