«O Vákner nace da terra, pero no futuro, grazas á literatura, poderá acadar unha dimensión maior»
Aínda que descuberta na xornada do mércores, a escultura do Vákner quedou oficialmente inaugurada onte nesta maña de premios. Foron dous nenos os encargados de descubrir a placa: Xiana Pousa Pazos, alumna do colexio Agra do Muíño de Ames, autora do texto A Lenda que mereceu o primeiro premio na categoría de primaria; e Miguel Mosteyrín Osa, alumno do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, quen co seu traballo O Vákner logrou o primeiro posto na categoría de secundaria.
Antes deste momento solemne, presenciado por todos os presentes ao pé do monumento, Antón Pombo, xornalista, escritor e divulgador do fenómeno Vákner, ofreceu unhas palabras que contextualizaron todo este proxecto ao redor do que naquel simposio internacional de outubro do 2019, en Dumbría, se concluira que era un lobishome. Mártiros botou seis anos peregrinando por Europa, non era moi dado ao literario, así que a súa narración disto que viviu no Marco do Couto toma outra dimensión.
Falou Pombo doutros monstros ao pé do camiño que acabaron sendo todo un atractivo turístico. E, nese sentido, situou ao Vákner en tres encrucilladas. A primeira, a física, á que aludira xa o alcalde, José Manuel Pequeño, esa bifurcación do Camiño cara o fin do mundo. A segunda, a temporal. O encontro entre o peregrino e a besta foi no 1493, pouco despois de que a carabela Pinta chegase a Baiona coa nova da descuberta a América. Era o tránsito da Idade Media á Moderna: «O Vákner aparece pois a finais do medievo». Aquí, nunca comarca aínda afastada dos centros de decisión, en pleno eco da revolta irmandiña. A terceira das encrucilladas, a simbólica: o lobishome móvese entre a realidade e o mito. Foi o de onte, dixo, un día importante para o Camiño, convencido de que axiña o Vákner será o monumento máis retratado da Ruta: «O Vákner nace da terra pero no futuro, grazas á vosa literatura, poderá acadar aínda unha dimensión maior»
Os galardóns: primaria
Primeiro premio: Xiana Pousa (colexio Agro do Muíño de Ames). Segundo: Naiara Túñez (Santa Eulalia de Dumbría). Terceiro: Estela García (O Coto de Negreira). Cuarto (Gael Hurtado, colexio Montessori Compostela) e quinto (Máire Grace Ryan, Peleteiro) non puideron acudir.
Os galardóns: secundaria
Primeiro premio: Miguel Mosteyrín (Manuela Rial Mouzo de Cee). Segundo: Uxía Santos (tamén Manuela Rial). Terceiro: Adrián Fernández (IES do Sar). Cuarto: Manuel Fernández de Larrinoa (Manuela Rial de Cee). Quinto: Victoria Romar (Manuela Rial).
Os galardóns: adultos
Primeiro premio: Natalia Lema Otero. Segundo: Carme Toba Trillo. Terceiro: Juan Félix Neira Pérez. Cuarto: David Fernández Sánchez (recolleu no seu lugar César Ferrío). Quinto: Alejandro Luis Otero Jamardo. Sexto: Jaime Pazos García (recolleu no seu lugar Cándido Pazos, escultor). Sétimo: José Carou (non puido acudir). Oitavo: Ainhoa Conde. Noveno: Severino Alberto Lago. Décimo: Rosa Toba Blanco.