Un novo tempo para as letras e para o Vákner

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

ANA GARCIA

O Conco, en Dumbría, acolleu a entrega do concurso literario de La Voz

24 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A escuma ou néboa que uniu para sempre a Buserán e Florinda, os protagonistas da lenda da Furna da Buserana, non fixo onte acto de presenza en O Conco, Dumbría, onde o albergue de peregrinos acolleu a entrega de premios da primeira edición do certame Territorio Vákner: Contos de terror no Camiño, un acto posposto a finais do 2020 a causa da pandemia. Ese relato muxián escrito no 1925 por Gonzalo López Abente foi o escollido por Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, para falarlles aos rapaces gañadores e aos asistentes de misterio, de amor e de felicidade, «a de estar hoxe aquí convosco». No Conco lucía onte un día «con vida», como o percibiu Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación: deporte, turismo, libros. Convocado por La Voz e Radio Voz, co patrocinio do Concello dumbriés e a colaboración de concellos do Camiño, este concurso dirixido a escolares de quinto e sexto de primaria pretendía non só espelir a súa creatividade, senón darlle unha dimensión literaria ao Vákner, o monstro co que se atopou o bispo armenio Mártiros durante a súa peregrinación, século XV, atravesando Dumbría.

ANA GARCIA

Ben podería dicirse que o día de onte abriu un novo tempo para a literatura e para o propio Vákner. «Dentro dalgúns anos, as sinaturas destes contos quizais sexan aplaudidas e recoñecidas por todo o mundo como o son hoxe por nós», expresou Vilela, que abundou nos parabéns e lembrou como unha crónica en La Voz de Galicia pronosticaba un futuro de arte espléndida para un pintor coruñés que daquela tiña 13 anos. Era Picasso. Non se equivocou aquel xornalista. Pode, por que non, volver repetirse a historia.

Deva Pérez de Leon, gañadora da primeira edición deste certame
ANA GARCIA

A pandemia botou por terra todas as propostas de dinamización en torno á criatura medieval, patrimonio inmaterial da ruta xacobea, que con vocación comarcal tiña previstas Dumbría para o 2020. Este sábado, como dixo o alcalde, José Manuel Pequeño, «volvemos empezar». Entende que a importancia e a riqueza do Camiño reside no seu maior valor, os peregrinos, pero sobre todo en que as xentes de alí por onde pasa o itinerario o sintan seu, propio, e ese é un obxectivo que empeza polos máis novos. O Vákner serveu pois de enlace para chegar ás escolas.