José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría: «Comezamos a recuperar certa normalidade tras un ano terrible»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

BASILIO BELLO

REPASO AO ECUADOR DO MANDATO | «Para a proba do Gran Fondo Ézaro xa temos máis de 800 inscritos», dixo o rexedor dumbriés

11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Pequeño Castro (1955) é un dos políticos máis veteranos da comarca. De feito, é o rexedor con máis anos no cargo, ao chegar á alcaldía de Dumbría en 1983, e dende entón só acumulou maiorías absolutas en favor do PSOE. Pero recoñece que este último ano de mandato supuxo «un antes e un despois» tanto a nivel político como persoal.

-Por que o di?

-Esta pandemia desgastou moito a nivel persoal e tamén político. Supuxo un cambio de rexistro terrible por un virus que ninguén contaba con el. Este último ano e medio foi moi complicado para Dumbría: polos veciños afectado pola pandemia, polas vítimas do virus e porque a nivel institucional houbo que destinar cartos á evitar a propagación do coronavirus que, en teoría, tiñan que ir vinculadas á mellora na rede viaria, en acontecementos deportivos como o final de etapa e a contrarreloxo da Volta Ciclista a España, O Gran Fondo Ézaro, na promoción do Vákner, no impulso do Camiño....

-E por riba Dumbría quedou sen a única sucursal bancaria que había no Concello, a de Abanca.

-Certo, pero agora, ao través dun convenio coa Federación Española de Municipios e Provincia e a Xunta, o Concello xestiona a habilitación dunha nova oficina bancaria. O compromiso é que o Concello cede un espazo con todos os servizos; auga, luz, Internet... E a entidade financeira aportará o persoal e o soporte informático para desenvolver o traballo. Esta oficina, que estará enfronte do Concello, contará tamén con caixeiro.

-Despois da tempestade parece que chega a calma.

-Comezamos a recuperar a normalidade tras un ano terrible. Pero neste tempo de pandemia tamén fixemos moitas cousas. Puxemos en marcha a pasarela e a pérgola no Ézaro, as oficinas de información turística, impulsamos un ambicioso plan de emprego local, cun orzamento de 1,3 millóns para a contratación de cen persoas ao logo de todo o ano. Este ano, en plena pandemia covid dedicamos o 25% do orzamento municipal á promoción do emprego.

-Que destacaría desta nova realidade?

-Esta pasada fin de semana celebrouse no Conco o campionato galego de voleibol infantil masculino que, por certo, gañou o Dumbría, e recuperamos boa parte da actividade deportiva que tiñamos antes da crise sanitaria.

-Entre elas...

-En xullo celebraranse os campionatos galego e nacional de volei praia, regresará o noso Gran Fondo Ézaro, para o que xa temos máis de 800 inscritos e tamén impulsamos a escola de fútbol feminino, dende infantil, ao través do Club de Fútbol Dumbría.

-Pero a súa gran aposta segue a ser o Vákner.

-Dende logo. O noso icono diferenciador e o Vákner e queremos vinculalo, si ou si, ao Camiño, aos peregrinos, un Camiño que, por culpa da pandemia, quedou seriamente damnificado e que agora esperamos retomar con forza. Son optimista ao respecto. Pero si, o Vákner é agora mesmo o gran escaparate de Dumbría, xunto coa fervenza, o Gran Fondo Ézaro, as etapas da Volta Ciclista e as competicións a nivel nacional e autonómico de voleibol e socorrismo.

-Que espera dos dous anos que restan para finalizar o mandato?

-Potenciar a imaxe do Vákner, para empezar. Pero hai que continuar coa mellora das infraestruturas e, neste sentido, temos tres como prioridade: a primeira, a estrada O Hospital a Brens, que é fundamental debido a forte tecido industrial vinculado a Xeal. A segunda gran actuación é a senda de Olveiroa, e a terceira, acometer a travesía de Salgueiros. Neste último caso houbo problemas coa empresa contratista e tivemos que volver a adxudicar o contrato da obra.