Sacrificios

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

DUMBRÍA

08 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Google mándame a finais de ano un recordatorio dos lugares que visitei no 2020. Apenas saín do meu concello, só algunha visita a Mazaricos ou a Dumbría nos meses onde aínda non existían os peches perimetrais. Cando vexo os puntos debuxados no mapa, penso que sacrifiquei moito no pasado ano, é bastante deprimente ter vinte e un anos nestes tempos convulsos.

Mais logo, pensando racionalmente, son incapaz de falar de propia voz sobre sacrificios. Meus avós estudaban nunha vella escola no Niñán, sen luz, nin papel nin moito menos calefacción no inverno dos anos corenta. Camiñaban quilómetros para chegar alí e, se chegaban tarde ou non acudían por levar o gando a pastar, recibían unha malleira do profesor ao día seguinte.

Eles son a xeración que soubo o que era a fame, o que era criar unha ducia de fillos sen ter carne nin patacas, pasando sen comer por deixarlle aos demais. Son os mesmos avós que me chamaban cando estudaba para preguntar se comera, que eu era moito máis importante ca os exames ou as preocupacións. Son os mesmos que antes de coller o coche nun día de treboada me din que vaia con coidado, cunha mirada de preocupación que chega á alma.

Cómo me pode parecer sacrificio un ano de encerro con todas as comodidades? Como podo ser capaz de emular a liberdade cando está morrendo a xeración que historicamente máis sacrificios fixo para que hoxe sexamos quen somos?

Hai xente nova que o está facendo mal, pero cómpre dicir que non todos somos iguais. Como di Elvira Lindo nun artigo brillante, se a franxa de idade con maior mortalidade fósemos a xente nova, eles non dubidarían nin un só instante en dalo todo polos seus netos. Permítanme que eu faga o mesmo polos meus avós. Canto vos quero.