FITUR | José Manuel Pequeño: «Dumbría e O Ézaro xa son referentes turísticos e deportivos internacionais»

Santiago Garrido Rial
S. G. RIAL CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

SANTI GARRIDO

Considera que a presenza comarcal en Fitur foi positiva, pero que se pode avanzar para vindeiras edicións

26 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría e deputado provincial, estivo un ano máis na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que comezou o mércores e remata hoxe domingo. Unha cita na que é moi veterano (o que máis da comarca, e tamén de Galicia como rexedor), xa dende os tempos da presenza unitaria de Neria dende finais dos 90. Nos últimos anos, esa asistencia está marcada polas propostas que Dumbría leva no deporte (ciclismo, Gran Fondo, La Vuelta Ciclista a España, ou ambos, como pasou nesta ocasión); no turismo, ligado directamente ao anterior pola proxección internacional que supón para o municipio e a Costa da Morte, e agora co Vákner, a figura ligada ao Camiño que foi outra das novidades desta edición, a número 40 da feira madrileña.

-Que balance fai da asistencia a Fitur?

-Positivo. Interesantísimo. Díxome cantidade de xente que viu a nosa presentación, a nosa posta en escena, que O Ézaro, e Dumbría, colleron un nome e unha forza terrible. O resultado é inimaxinable nestes momentos. Creo que Dumbría e O Ézaro xa son referentes turísticos e deportivos nacional e internacionais.

-E en canto ao acto en si?

-Dinme que foi das mellores presentacións no estand de Galicia en Fitur. Que estaba moi traballado, que fai que a xente se fixe. O resultado está aí: natureza, paisaxe, aventura. É difícil poñer unha icona no mundo, e co Ézaro conseguímolo, todos nos felicitaron. É un éxito, pero non só para Dumbría, senón para toda a comarca, e vai ter repercusión.

-E iso que esta vez houbo algúns cambios.

-Eu tiña algunha preocupación, porque outras veces levabamos a grandes espadas (Indurain, Perico Delgado...), e en caso de haber algún mínimo problema, con esa xente disimulábase, por dicilo así. Desta vez, o que levamos foi un produto forte, pero só nós. E o resultado foi que a xente estaba desexando ver a nosa presentación, saímos moi reforzados. Eu estaba preocupado, pero saíu moi ben. Pero houbo un segundo elemento co que tiña inquedanzas: levamos non unha, senón tres cousas ao mesmo tempo: o Gran Fondo Ézaro, La Vuelta Ciclista a España e o Vákner. Podía haber roces entre unha e outra cousa, pero saíu ben tamén. Os tres aspectos estiveron moi ben complementados e foi un éxito total. A xente aínda segue falando do tema.

-E a nivel comarcal? Este ano houbo unha representación institucional enorme. Como valora esta presenza?

-Valóroa moi ben. Para moitos foi unha toma de contacto, era a primeira vez que acudían a Fitur en solitario, é unha experiencia a ter en conta por todos os alcaldes. E teño que dicir unha cousa: grazas a Neria por poñernos no mapa das feiras. Por facer da Costa da Morte unha marca, un referente, e hai xa moitos anos. Agora vaise vendo todo ido. Creo que temos que sentarnos todos, ver como podemos seguir traballando para promocionar a Costa da Morte. En Fitur, e en todos os eidos. Foi interesante que viñeran tantos, que se vexa a riqueza individual que teñen tantos lugares da zona, e que se vexa tamén todo en conxunto.

-Houbo moitos vídeos promocionais estreados estes días, que se divulgaron en Fitur e que tamén teñen un exitoso camiño a través das redes sociais. Non bota de menos máis música de tradición galega neles?

-Nós levamos a música do Vákner, composta por Luar na Lubre, un tema que estreamos no congreso de Dumbría, que sairá no próximo disco do grupo, e que por certo se puido escoitar este venres na Televisión de Galicia. O que hai que facer é ser capaces de comunicar, de facelo ben, e de ir pouco a pouco. Creo que tanto nós como todos os demais estamos nese labor.

«Igual temos que darlle unha volta a todo, en conxunto»

Este ano houbo moitas presentacións e actividades institucionais e públicas en Fitur relacionados coa Costa da Morte, pero xeralmente mantendo un esquema clásico de comunicación directa, vídeos e actos promocionais nos estands oficiais, á marxe do traballo diario e dos contactos que cada un leva á feira, xa sexa como entidade pública ou como empresario privado. Ou como asociación, por exemplo a CMAT ou Solpor.

-Cre que todo está ben así, tanto nesta feira de turismo ou noutras, o que se podería cambiar e innovar algo?

-Pois igual temos que darlle unha volta a todo, en conxunto. Optimizar a comunicación, avanzar no uso das novas tecnoloxías e en todos os vehículos de transmisión da nosa marca. Na Costa da Morte dáse a circunstancia de que temos tantas cousas para ofrecer, e tan boas, que ao final custa máis chegar con todas. Xa sei que o problema real sería non ter nada, pero ter moito, e moito tan bo, tamén pode ser un problema á hora de transmitilo, se non o facemos ben, claro.

-Por exemplo?

-Exemplos hai moitos. Por citar un, pero igual que digo este podería dicir moitos outros. Pensemos nas festas. Todos os concellos teñen, temos, algunha moi relevante. Creo que non é necesario citar nomes porque todos as coñecemos de sobra: a Barca, a Carballeira, o Cristo, a da Praia, o Carme, o Asalto, a Mostra, a Xunqueira, a Medieval de Corcubión, a Pataca, o San Xoán... E moitas máis. Non se podería facer un produto de grandes festas da Costa da Morte? Todo ben enlazado, ben estruturado, potente, para vender conxuntamente o goce nos nosos concellos Algo temático, porque igual que digo isto podo falar do mar, ou do patrimonio, ou da gastronomía, ou da historia, o deporte... Todo o mundo ten algo, e ademais algo bo ou moi bo. Eu defendo o noso territorio e quero que se promocione, e que o faga ben. Debemos usar ese enorme bosque de riqueza que nos pertence e relanzalo.