Matías Ramos: «Aquí vívese o fútbol doutra maneira»

s. gómez RIBEIRA / LA VOZ

DUMBRÍA

jorge parri

Logo dunha vida atada aos terreos de xogo firmou polo Dumbría para estar en Preferente, agora recupérase dunha lesión que o ten apartado do céspede dende o inicio da liga

23 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Matías Ramos (Baden, Suíza, 1988) é un vello coñecido do fútbol da costa. Tras militar no Mazaricos, recalou fai tres tempadas no Dumbría. Unha lesión apartouno dos terreos de xogo, pero o bravo futbolista xa apura a súa recuperación para volver ser determinante no céspede.

-Que tal vai a tempada?

-A nivel colectivo creo que estamos facendo moi boa tempada. O feito de que se manteña practicamente o mesmo bloque de xogadores da campaña pasada e o aporte dos novos fichaxes, creo que nos está axudando a manter unha regularidade en tódolos partidos. Tamén a aposta da directiva polo técnico ten moito que ver, porque trátase dun adestrador da casa, que xa nos coñecía á maioría dos xogadores e que ten unha idea moi clara de cómo quere que xogue o equipo. A nivel individual, pois está sendo unha tempada un pouco complicada por unha lesión que me impediu volver xogar dende a terceira xornada. Por sorte, cada vez estoume encontrando mellor, con máis confianza e con ganas de poder volver axudar.

-Canto tempo leva xa formando parte do Dumbría?

-Esta é a miña terceira tempada no Dumbría, e a verdade é que dende o primeiro día sentinme coma un máis dentro do equipo, tanto na relación cos demais xogadores dentro do vestiario, coma ca directiva e co corpo técnico. Cando formas parte deste club, dáste conta que é un equipo moi serio e que traballa en todo momento para ofrecerche tódalas facilidades.

-E cales son os obxectivos marcados para este ano?

-O propósito máis inmediato é acadar os tres puntos no próximo partido para poder seguir sumando de cara o obxectivo principal, que é acadar a salvación o antes posible. Unha vez logrado, xa nos poderemos poñer outro tipo de metas. A nivel individual, neste momento é volver estar nas mellores condicións para poñerme a disposición do adestrador.

-Cando e como comezou a xogar ao fútbol?

-Pois empecei de casualidade, pola nai dun paciente de miña nai, que era fisioterapeuta, que lle comentou se me gustaría probar no ADN Negreira. Foi calzar unas botas de fútbol por primeira vez e xa non querer soltalas, desto xa fai máis de 20 anos, e aquí sigo [rí]. Agora, o que me sigue chamando é o feito competir, de compartir vestiario e terreo de xogo con grandes amigos e, en definitiva, de seguir a gozar dun deporte que me apaixona.

-En que equipos estivo?

- A pesar de levar xa moitos anos xogando ó fútbol, a verdade é que non estiven en moitos equipos. Empecei como che comentei no ADN de Negreira, onde estiven ata chegar a idade sénior. Despois fun para O Santa Comba onde militei un par de anos. Despois dun parón de dous exercicios por unha lesión bastante grave empecei de novo a xogar no Mazaricos e por último, no Dumbría. Son unha persoa que cando estou a gusto nun equipo é moi difícil que decida cambiar, por iso deixar o Mazaricos, un equipo ó que lle teño moito cariño, non foi doado, pero creo que era o momento de facelo e de poder gozar dunha liga como a Preferente e polo que lle estou moi agradecido ó Dumbría por darme esa oportunidade.

-Onde gozou máis?

- En tódolos equipos tiven bos e malos momentos, cos que sufrín e gocei, pero que me axudaron a madurar tanto como futbolista como persoalmente.

-É sinxelo compaxinar todo?

-Estou traballando en Carballo. A verdade é que non é fácil compaxinar as dúas cousas, porque tres días a semana saio de traballar e xa vou directo para Dumbría para o adestramento e sempre chego xusto para empezar, pero no equipo entenden perfectamente a situación.

-Pensa en ser adestrador?

-Quero seguir gozando do fútbol como xogador, pero é algo que non descarto para cando decida retirarme porque seguramente me gustaría seguir relacionado dalgunha maneira co este mundo.

-Que saúde lle ve vostede ao fútbol da costa?

- Pois a diferenza de cando eu empecei, hoxe en día os rapaces teñen máis deportes para escoller, non só o fútbol. Por iso ten moito mérito o traballo coas canteiras de equipos como o Dumbría que ten equipos en tódalas categorías e que o final van ser os xogadores do futuro na costa. Eu creo que o fútbol da costa segue gozando de moi boa saúde porque non hai moitas rexións que teñan tres equipos en Preferente e cinco en Primeira Rexional. Oxalá tamén se siga a potenciar e apoiar o fútbol feminino na costa, e que cada vez máis rapazas se animen a probar deste deporte e teñan máis facilidades para facelo. Algo que tamén me gustaría destacar é a maneira de vivir e sentir o fútbol que ten a xente da costa, basta con ver unha final da Copa da Costa para decatarse de que aquí vívese o fútbol doutra maneira.