Antón Pombo: «O do vákner é un relato engaiolante»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

ANA GARCIA

Especialistas falarán en Dumbría sobre o monstro que aterrorizaba aos peregrinos e que un bispo armenio referenciou nunha das súas crónicas sobre o Camiño de Santiago

02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Arredor da figura do vákner, á que fai referencia un bispo armenio do século XV, se articula un proxecto cultural e histórico que terá a súa primeira parte nun encontro que se celebrará en Dumbría a terceira fin de semana de outubro. Un dos principais instigadores da recuperación deste ser terrorífico é Antón Pombo, historiador especializado no Camiño Xacobeo.

-Armar un encontro internacional arredor dunha referencia bibliográfica parece algo esaxerado.

-É interesante porque forma parte da memoria da nosa historia. As bestas están no noso imaxinario colectivo a través da literatura e do cine. Teñen unha pegada enorme porque son historias que recuperan unha parte da nosa tradición e esta ten o interese de que aparece citada por unha única testemuña. Este ser maléfico real ou simbólico pode ser a representación do mal. Pódese entender no sentido de que para chegar ao final hai que pasar unha serie de probas físicas, mentais e emocionais e polo lugar onde se cita que apareceu, antes de chegar a Fisterra e ao océano, podería tratarse diso. O relato é engaiolante, un monstro xenuinamente medieval nun momento histórico no que está a piques de desaparecer a fin da terra porque é o mesmo ano do descubrimento de América. Sería a última entrega do Medievo, algo que aterroriza cando o mundo está a cambiar.

-Cun tema tan interesante non sería difícil atopar relatores para o encontro.

-Que bonita idea di todo o mundo, pero cando hai que executar accións a cousa complícase. O encontro é so a posta de longo dunha serie de cousas como itinerarios ou un audiovisual moi coidado, coa súa propia banda sonora desta historia... Pero estas cousas custan cartos e iso xa é máis complicado. Por fortuna o Concello de Dumbría apostou por este tema, ao que non é, en absoluto, alleo. O vákner aparece nuns montes entre Compostela e Fisterra. Poderían ser os de Buxantes, por aí anda a localización. Tamén tivemos axuda do programa O meu Xacobeo para facer cousas como memorias. É un asunto que vai ter unha gran difusión porque na prolongación do Camiño hai tódolos anos unhas 60.000 persoas. Pero é certo que imaxe vai ter un impacto con ese monstro emparentado con outros moitos de Galicia e nun entorno privilexiado como son uns montes con vistas ao océano.

-¿A promoción da zona é unha das finalidades?

-En primeira instancia é a posta en valor dun acontecemento esquecido da nosa historia, que permanecía no mundo dos investigadores e que se converterá nun feito cultural para toda a comarca que vai enriquecer o seu patrimonio cultural. Pero como todas as cousas, será tamén tirón para todo o Camiño. Non é un proxecto local senón para toda a prolongación, que remata en Fisterra e Muxía. Este é un momento no que hai moita competencia entre os itinerarios, xa son 10 os recoñecidos e non nos podemos durmir nos loureiros.

-¿Existen as liñas vermellas en canto ás distintas rutas?

-Como historiador e xornalista especializado no Camiño sempre digo que hoxe en día hai unha febre das frechas amarelas. Parece que a solución para moitas áreas é que unha ruta pase polo pobo ou por diante da casa. As Adminitracións deben ser serias cos camiños e aceptar só os que están ben documentados. Aceptan algún porque había un hospital, pero é que os había en moitos pobos e peregrinos tamén, porque moitas veces se desviaban. Hai que ter constancia desde a Idade Media ata mediados do século XVIII. Agora hai historiadores que traballan como mercenarios para xustificar novos camiños. Para o 2021 hai 20 agardando entre rutas e variantes.

-Iso parece perigoso. É fácil morrer de éxito.

-Preocupa a mala imaxe do Camiño en escritos, foros, diarios e mesmo novelas. Hai constancia que queixas dos últimos 100 quilómetros, pero fóra de Galicia o Camiño decae moito, con rutas alternativas con criterios máis turísticos. Para quitar presión a lugares presuntamente masificados ofrecen outras rutas, das que non hai referencias.

-Do vákner só hai unha.

-O vákner é unha cousa caprichosa, que non se mantivo na tradición oral. Foi citado por unha persoa, pero localiza moi ben, xusto antes de chegar a Fisterra. Hai que saber por que estaba aí. Imos tentar clarexalo no encontro. Imos ver...