«Vou seguir, se os veciños queren, outros vinte anos máis na alcaldía»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Jorge Parri

OS NOVOS GOBERNOS | Mandatario de Dumbría dende 1983, o socialista Pequeño Castro pensa a longo prazo: «Mentres o corpo aguante, aí estarei»

06 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten 64 anos e reside no Ézaro dende hai 41. Arquitecto técnico, José Manuel Pequeño Castro (A Ameixenda, 1955) é alcalde de Dumbría dende 1983, un dos verdadeiros feudos do PSOE na bisbarra.

-O 26 de maio ratificou unha vez máis a Dumbría como un bastión socialista.

-Para min, o bastión do PSOE é o que chamamos Costa Atlántica, dende Zas a Carnota e ata Fisterra.

-A que achaca estes bos resultados en Dumbría?

-Creo que o noso éxito é o traballo feito, os logros acadados e, sobre todo, que os veciños os valoran. Acadamos unha identidade que antes non había. Conseguiuse que Dumbría, que era un concello descoñecido, incluso dentro da zona, pasase a ser un referente a nivel de Galicia e, incluso, nacional, nalgunhas actividades. Antes non escoitaba a ninguén dicir que era de Dumbría. Antes eras de Olveira, de Buxantes... Era unha identidade case parroquial, máis que municipal. Agora escóitase dicir que un é de Dumbría.

-A que achaca ese cambio?

-A un traballo moi concienciudo do Concello. Foi un dos obxectivos que nos marcamos cando chegamos. Houbo un antes e un despois daquela lea educativo coa ESO. Non nos quixeron dar a secundaria para Dumbría e saímos todos á rúa, afectados e non afectados. Nese momento xurdiu ese sentimento de identidade e decidimos apostar por mantelo, porque o que pretendían era dividir o concello a nivel educativo: uns rapaces para Vimianzo, outros para Cee, outros á Picota, Carnota... Pretendían disgregarnos por aí. Creo que ese foi o momento no que xurdiu ese cambio de mentalidade. Logo fíxose un gran traballo a nivel municipal, como o realizado a nivel deportivo cos clubs de fútbol, de voleibol, de piragüismo... A xente implicouse nese traballo e esa foi a clave do éxito.

-Volve ser deputado provincial. Espera repetir en Obras?

-Non o sei aínda.

-Din as boas linguas que grazas a vostede o PSOE recuperou a alcaldía de Vimianzo.

-O éxito foi da xente, do equipo e da agrupación local, que traballaron arreo, porta por porta. Ese foi o traballo e, de aí, eses resultados. É verdade que hai unha unidade do PSOE comarcal, que temos un grande equipo e unha boa relación, e que actuamos a nivel máis comarcal que local, e iso dános un plus a nivel de veciñanza.

-O PP non acadou ningunha alcaldía en Fisterra e Soneira.

-Os nosos veciños son moi intelixentes. Cando che dan o seu apoio é por algo. Non pode ser que Feijoo teña abandonada a toda esta bisbarra, só veña pedir o voto e logo o único que faga son recortes, como en Sanidade. O PP ten que facer os deberes, porque aínda non os fixeron, cousa que o PSOE si creo que fixo.

-Ten 64 anos. Pensa xa na retirada da política?

-Presenteime para acometer un proxecto político de 12 anos, pero este proxecto é dinámico, sempre aparecen cousas novas. No PSOE de Dumbría, 20 anos máis imos necesitalos, polo menos o que penso eu. Para vinte anos imos seguro tirando. Vou seguir, se os veciños queren, outros vinte anos máis. Mentres o corpo aguante.

ANA GARCIA

Vai co cargo: máis preguntas

-Quen foi a primeira persoa en felicitalo trala sesión de investidura?

-Os compañeiros da corporación.

-Quen foi o primeiro que o chamou?

-Non o sei, a verdade. O que ocorre é que iso de felicitarme... Como todo o mundo xa dá por feito que son patrimonio... Nin me chaman [ri]. E, como din en Castela: «Eso duele».

-Empregará coche propio ou do Concello para os seus desprazamentos?

-Sempre emprego o meu, un Mazda CX5. Iso si, cando levaba estradas na Deputación, e se continuo no posto estes vindeiros catro anos, utilizarei o coche oficial da Deputación.

-Como leva o do vestir? Pensa renovar vestiario?

-Agora... Aos meus anos, cambiar pouco vou cambiar.

-Quen escolle a roupa cando vai mercar?

-Teño moitas asesoras [ri].

-Irá de vacacións este verán?

-Normalmente nunca as collo. Cando fas un traballo que che gusta parece que estás sempre de vacacións porque fas algo que che apetece. Podo coller tres ou catro días soltos, ou unha semana, aínda que ultimamente non collín vacacións. Pero, como vou coller vacacións vivindo no Ézaro? O Ézaro é o paraíso xa en si mesmo.

-Que lle falta ao seu despacho?

-No meu despacho o que fai falta é ter eu tempo para colocar cadros e marcos de fotos, que aínda teño sen colocar. É o único que, polo menos, metería no meu despacho.

-Que tiraría do que hai?

-Sobran papeis, a verdade. Teño o despacho cheo de papeis. Xa os vou poñendo en caixas... Son precavido. E grazas que temos Internet e a administración electrónica e iso elimina moitos papeis, senón...

-Con quen manterá a primeira entrevista de traballo?

-Hai dúas prioridades agora mesmo. Primeiro, resolver o futuro de Ferroatlántica. Estamos a disposición dos traballadores, o comité e a empresa. É un tema prioritario e fundamental para o Concello de Dumbría. E, despois, temos que resolver o asunto sanitario. É dicir, manter o persoal sanitario nos centros de saúde e nos consultorios de toda a comarca, sobre todo agora, no verán. E póñoo entre comiñas: os recortes en sanidade, matan.

Os retos

O Gran Fondo Ézaro. «É un orgullo como alcalde e como veciño que un concello pequeno como é Dumbría teña unha actividade de renome internacional, que conta co aval de grandes deportistas como Indurain, Chiappucci..., que son uns referentes deportivos. Aquela etapa da Volta a España supuxo todo un cambio. E iso que en principio falouse dunha etapa da Volta a Galicia e xurdiu esa capacidade de traer a Volta a España. O Gran Fondo Ézaro foi unha forma de aproveitar todo aquel éxito e dende logo creo que o acadamos».

Emprego. «Daríame cun canto nos dentes se somos capaces de manter o ritmo actual de contratacións. Somos sempre moi ambiciosos, cada ano contratamos a máis de cen persoas, en diferentes programas, e esperamos mantelos porque son unha prioridade para este goberno».

Ferroatlántica. «Estano pasando mal nestes momentos, pero unha industria deste tipo non desaparece así porque si, e eu espero que sexan capaces de remontar o voo. E creo que, a nivel de empresa, aínda ten como valor engadido a súa capacidade de xeración de emprego».

Turismo. «Esperamos que o Camiño a Muxía e Fisterra continúe pola senda de crecemento dos últimos anos e, polo tanto, haxa unha maior xeración de emprego e de oferta de servizos na zona. Iso por un lado; o segundo eixe fundamental de traballo é todo o que ten que ver coa posta en valor do río Xallas, ao igual que a cascada do Ézaro, onde precisamente levamos a cabo dúas obras: a pasarela e a pérgola. Ao longo dos vindeiros días sairá a contratación da obra da pérgola, coa idea de ordenar todo o contorno».

Deportes. «O canal de augas bravas [probas de piragüismo], segue en stand by e dende o Concello elevaremos unha proposta definitiva [á Xunta]. Se hai problemas, faremos un canal artificial de augas bravas. De feito, aos técnicos encargueilles un estudo de viabilidade dese proxecto, tanto económico como medioambiental».