A banda de gaitas Invernía une camiños e talentos

A formación, de recente creación e fundada entre Santiago, Vedra, Dumbría e A Estrada, representará a Galicia no festival de Lorient


CARBALLO / LA VOZ

A banda de gaitas Invernía escolleu un día tan sinalado coma o de onte, o das Letras Galegas, para a súa presentación oficial ao público. Primeiro aos medios, pola mañá, e logo, pola tarde, en Olveira, cunha actuación. Dumbría é unha das paradas na xira de concertos que esta formación, un proxecto forxado no 2018, ten en marcha por varias vilas galegas antes da súa participación no Festival Intercéltico de Lorient (Francia), representando a Galicia.

Invernía foi fundada a medio camiño entre Santiago, Dumbría, Vedra e A Estrada, cuns corenta compoñentes «dende os dez anos ata os 70 e pico». Agroma coa idea de poñer en común o traballo das escolas de música tradicional destes lugares, baixo a dirección dos mestres Marcos Varela, Ramón Maril e Noelia Bouzón, estes dous últimos presentes onte na posta de longo. Invernía é, pois, unha fusión de escolas, pero máis ca iso: un conxunto heteroxéneo e colorido, para a interpretación dun repertorio seleccionado e fresco. Novos retos e oportunidades para os integrantes, dixo Bouzón.

Ademais da banda de gaitas, Invernía ten o seu grupo de pandereteiras, Folerpas de Invernía, integrado polas percusionistas e gaiteiras que forman parte do proxecto. Búscase «o nexo común», a unión de camiños, como dixo Maril. Esa idea está presente ata no propio logotipo. ¿E por que Invernía? Foi idea de Varela: «Primeiramente é un nome con moita musicalidade; ademais o inverno é algo moi galego, ao igual que a gaita é un elemento moi representativo da nosa cultura. Pensamos que a nosa herdanza musical é a que temos grazas en parte ás nosas condicións climáticas, xa que a climatoloxía é algo que tamén deixa marca na cultura de cada país. Para máis engado, Invernía tamén é o título dunha peza interpretada polo grupo Milladoiro, así que serve para facerlle unha pequena homenaxe a este e a tódolos colectivos que levan anos e anos mantendo viva a nosa tradición», indican nun comunicado. Rosa Herraiz, Rosa de Cabanas, é a autora da identidade gráfica do grupo, inspirada nas evocacións do nome e na estrutura da formación, esa unión de camiños. Pese á súa recente creación, Invernía xa ten participado en foliadas e, como convidado, na presentación do disco Fa, de Susana Seivane, artista coa que volverán estar hoxe en Cambre. Do 2 ao 11 de agosto acudirán a Lorient, o festival de música celta máis importante e este ano dedicado a Galicia.

Pablo Seoane, delegado do festival na nosa comunidade, tamén presente, felicitou á formación por ter sido seleccionada entre 86 candidaturas para representar a Galicia, «todas elas moi interesantes». Convidounos a traballar moito e, unha vez en Francia, a gozar «dunha experiencia única».

Para o alcalde de Dumbría, Invernía é «un proxecto ilusionante» que casa moito co espírito dumbriés de «unir, facer grupo». Tamén, coa intención de irmanamento que hai cun municipio francés, segundo avanzou.

A de onte foi xornada de agradecementos: aos concellos de Dumbría, Santiago e A Estrada, ás asociacións Fonte Santa de Buxantes, Pana Raiada de Santiago e A Fervenza de Ouzande ou a Rosa e Xabier Camba, polo apartado creativo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A banda de gaitas Invernía une camiños e talentos