Martín MC: «Antes de comezar a liga, firmariamos por ter este inicio»

«Estamos traballando moito, e se podemos quedar segundos ou terceiros, non queremos ser sextos»

melissa r.
Carballo / La Voz

O Baio ocupa o terceiro posto da táboa de marcas na Primeira Galega da Costa, empatado a puntos co segundo clasificado, o Piloño, logo de gañar na última xornada disputada no Platas Reinoso ó líder, o Sigüeiro, por 2 a 1. Un inicio de liga soñado ó que se suma que o capitán baiés, Martín Fuentes Santos, Martín MC, é o actual pichichi do equipo e da categoría con 4 goles. O xogador fixo balance en Radio Voz Bergantiños destas 5 primeiras xornadas de liga.

-Vaia revulsivo para o Baio este arranque de competición, ¿non?

-A verdade é que estamos moi contentos. Antes de comezar a liga, firmariamos por ter este inicio. Oxalá sigan acompañando os resultados, que sempre axuda.

-O inicio da pasada tempada non foi tan regular.

-Si, empezamos bastante mal, metémonos nunha mala dinámica e despois custounos coller algo de voo para salvarnos.

-¿Que cambiou respecto ó ano pasado? ¿Quizais a experiencia?

-A verdade é que temos un grupo con xente moi nova, pero que levamos bastantes anos xogando xuntos. Entón, coñecémonos ben e as novas fichaxes axúdannos moito e co adestrador tamén estamos moi contentos. Estamos nunha dinámica boa na que todo suma.

-En canto a lesións, parece que o físico tamén se está comportando de mellor forma, ¿non?

-Nese caso, non estamos tan contentos porque Javi, un xogador moi importante para nós, xa leva dúas semanas fóra e aínda ten para outras tantas, e despois tamén está a baixa de Fachal, que ten para seis meses. Pero bueno, si que estamos traballando a prevención de lesións e creo que iso, ó final, vainos axudar.

-No seu caso, ¿como se atopa? Isto aínda acaba de comezar, pero véselle moi ben.

-Estou a un 80 por cento de rendemento, porque o verán sempre resta algo. Pero moi ben no que respecta a lesións, que iso é o que che marca xogar un domingo ou non.

-O obxectivo marcado do equipo é a salvación sen pasar apuros pero, logo deste inicio tan bo, non sei se mudaron de opinión.

-Somos un grupo moi competitivo e queremos quedar o máis arriba posible. Sabemos que estamos nunha liga moi complicada na que calquera che pode gañar, véxase a mala racha do Soneira sendo que é un equipo chamado para estar na zona alta, e que o Dumbría non gañou ata a pasada fin de semana. Pero a min, persoalmente, a actuación do Baio estame encantando. Estamos coa máxima ilusión, traballando moito, e se podemos quedar segundos ou terceiros non queremos ser sextos, e se temos que quedar sextos, non queremos quedar décimos.

-¿Dos catro representantes da Costa da Morte na categoría a quen ve máis forte?

-Por agora só nos enfrontamos ó Dumbría, pero tanto o Fisterra como o Soneira teñen moi bo equipo. Si que é certo que o Fisterra reforzouse moi ben e creo que vai ser un rival moi forte.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Martín MC: «Antes de comezar a liga, firmariamos por ter este inicio»