«Esta tempada podemos dar un salto de calidade importante»

«O noso obxectivo como club é acadar un campo oficial de adestramento para a xente de fóra», dijo Xosé Henrique Rodríguez Portela, Kike Portela, presidente del Club Piragüismo Dumbría


Carballo / La Voz

Xosé Henrique Rodríguez Portela, Kike Portela (Tomiño, 1971) leva dez anos no Club Piragüismo Dumbría, un dos de referencia en España. Cando chegou, estaba constituído, pero faltaba ese valor engadido que dan a canteira e os resultados. Agora, un decenio despois, Kike Portela convértese en adestrador e presidente.

-Moito cambiou o piragüismo dende que chegou.

-Para mellor, por sorte. A nivel de club somos unha referencia en Galicia e en España e temos unha gran canteira.

-¿Cantos piragüistas e canoístas teñen na actualidade?

-Uns trinta, e iso que estamos na peor época do ano para captar xente.

-Iago Canosa abriu esa porta de que todo é posible.

-Podemos estar orgullosos do acadado nestes anos. Temos xente que fixeron, e fai, grande o traballo de todos os que conformamos o Piragüismo Dumbría. Este ano podemos dar un paso importante a nivel de equipo e individual. Temos a Iago Canosa, que con 19 anos participa nas probas de sub-23. Jorge Quintáns é un sub-18, que tamén fai as de sub-23. E temos a Lorena Costa, unha sub-18 con moito futuro por diante se continúa como ata o de agora, nesta liña de traballo.

-¿Como cualificaría estes dez anos en Dumbría?

-Marabillosos. Polo noso club pasaron uns 200 rapaces, unha cifra moi a ter en conta tratándose dun concello pequeno é dunha disciplina minoritaria. Pero falamos tamén de Iago Canosa, Marco Oreiro, Andrea Pérez, Antía Loira, xente que son un referente para os que veñen detrás.

-¿Son o espello no que se deben ver os máis novos?

-Si, o problema disto é que temos a Lorena Costa no centro de tecnificación, e a Iago Canosa e Jorge Quintáns na Seu, en Lleida. A xente nova precisaría adestrar con eles a diario, traballar con eles, porque é a forma que hai de mellorar.

-¿E como se compensa estas ausencias?

-Acudindo a todas as probas. Non se imaxina as ideas que se sacan dunha proba de eslalon. Eu saco mil de cada unha. Os rapaces, ao interrelacionarse e aprender como fan os demais, obteñen ese plus de aprendizaxe tan importante cando se comeza.

-Teñen un campo de probas, O Conquiño. ¿Precisan algo máis?

-O noso obxectivo como club é acadar un campo oficial de adestramentos para a xente de fóra.

-¿Canto custa?

-O investimento oscila entre 60.000 e 100.000 euros.

-Moitos cartos ¿non?

-Non. Ademais temos a sorte de contar cun concello como é o de Dumbría, que aposta sempre polo piragüismo. Eu, persoalmente, son optimista de poder acadalo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Esta tempada podemos dar un salto de calidade importante»