«Mazaricos ten a mellor carne»

La Voz

DUMBRÍA

31 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a súa formación académica foi por outros camiños -é técnico en sistemas eléctricos-, José Manuel Carreira Santos conseguiu, despois de moitos esforzos, dedicarse profesionalmente á súa verdadeira vocación: a cociña. De feito, leva máis dun decenio traballando no eido hostaleiro, primeiro rexentando un albergue de peregrinos no municipio de Dumbría e, dende hai pouco máis dun ano, co asador Manduca, en Mazaricos, onde a carne de calidade é o seu produto estrela. Hoxe, de 15.00 a 16.00 horas, estará en Xantar, o salón internacional de turismo gastronómico que se desenvolve ata o domingo en Ourense, representando a Mazaricos e dando a coñecer unha materia prima que, como cociñeiro, considera inigualable. De forma paralela, poderanse degustar bolos de pote.

«Mazaricos ten, sen dúbida, a mellor carne do mundo, a da rubia galega. Na nosa zona segue habendo gandeiros que manteñen as vacas e crían os becerros de xeito tradicional, con animais que maman ata o sacrificio e que se alimentan con forraxes criados nas propias granxas. Isto transmítelle á carne un sabor e unha calidade inigualables», explica Carreira, que destaca o chuletón de vaca como a peza máis apreciada entre os que visitan o seu local, que chegan dende moi lonxe.

Carreira Santos incide tamén na importancia da curación da carne na cámara frigorífica. Faino, por outra banda, na precisa promoción. Di que Mazaricos conta con moitos atractivos e de todos eles poderá mesmo falarse en Xantar.