«Ascender ou quedar entre as cinco primeiras estaría moi ben»

Sheyla Bermúdez / T. L. CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Cedida

A futbolista de Camelle deixa o Fisober despois de sete tempadas para enrolarse no cadro coruñés

18 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Inés Suárez Mouzo (Camelle, 1997) leva case toda a súa vida practicando fútbol sala. Este ano, despois de sete tempadas no Fisober de Dumbría, decidiu unirse ao conxunto Viaxes Amarelle. A pesar de ter apenas 19 anos, a deportista xa gozou de moitos minutos na Segunda División.

-¿Por que decidiu fichar polo Viaxes Amarelle despois de tantos anos no Fisober?

-Un pouco por cambiar de aires. Este ano vou estudar na Coruña e a verdade é que non me fixen esa pregunta. Fixéronme a oferta e non o dubidei.

-¿Como ve ao equipo?

-Con moitas ganas. Somos todas rapazas moi novas e temos moito que demostrar aínda. Creo que este ano imos dar moito de nós.

-¿Que obxectivos ten para a tempada que se aveciña?

-Persoalmente, sentirme a gusto no equipo, xogar, pasalo ben coas miñas compañeiras e gozar do fútbol.

-A nivel equipo, ¿que lle gustaría?

-Como aínda non fun adestrar, non sei moi ben o que pretende o club. Pola miña parte, se puideramos ascender estaría moi ben, ou senón, quedar entre as cinco primeiras.

-¿Cando comezan os adestramentos?

-O equipo empezou o mércores a adestrar pero como estou traballando empezarei mañá [por hoy] con moitas ganas.

-No Amarelle tamén se atopará con Patri Romaní, que coincidiu con vostede no Fisober. ¿Que lle supón isto?

-A Patri sígoa como moitos rapaces seguen a Ronaldo ou a Messi. Cando eu era unha nena ela sempre facía partidazos. Mirabas para ela e póñanseche os pelos de punta. Cando debutei no Fisober, aprendín moito dela, ao igual que de Nuria Paz. Son unhas grandes xogadoras.

-¿Sempre xogou ao fútbol?

-Desde pequena, si. No 2009 empecei nas escolas de Camariñas e despois fun para As Baleas. Logo falaron con Fran Toba e desde ese momento estiven no Fisober ata agora. En total foron sete anos.

- Con 15 anos debutou en Segunda División Nacional. ¿Qué impresión tivo?

-Debutei e penso que ese día xa marquei un gol. Vivín a oportunidade con moitísimos nervios pero as miñas amigas, porque ao final somos amigas, puxéronme todo moi fácil. Son bos recordos porque debutei cunha amiga miña de Camelle, Laura Pose, e foi todo moi ben.

-¿Tratárona algunha vez de menos por ser muller?

-Non, de menos non pero nótase un montón. Non é o mesmo trato. No Fisober non o notei porque eramos todas rapazas pero nos equipos mixtos sempre teñen como prioridade aos rapaces.

-¿Cre que as rapazas de agora o teñen máis fácil á hora de xogar profesionalmente ao fútbol?

-Si. Cada vez hai máis facilidades para xogar en equipos femininos. Antes recordo que o tema de que unha nena xogase ao fútbol non se vía para nada ben socialmente. Sempre se relacionaba o fútbol como algo de nenos e as nenas coas bonecas. Por sorte, cada vez estase demostrando o que as mulleres valen para calquera tipo de deporte e ademais triunfan como os homes.

-¿Que lle parece a creación de novos equipos, como por exemplo o Bergantiños feminino?

-Estou encantada de que cada ano se creen equipos novos na comarca e máis se son femininos porque moitas rapazas de estas zonas deixan de adestrar, ou nin sequera o intentan, debido ás poucas facilidades que teñen, ou simplemente, porque non hai equipos.