«Non queremos esquecer que somos de onde somos»

á. palmou

DUMBRÍA

A compañía fundada en Cee pechará este venres o ciclo «Dumbría á escena» e xa prepara a estrea dunha nova obra

08 sep 2015 . Actualizado a las 17:47 h.

A estrea da nova obra de Talía, Rosa Caramelo, prevista para o sábado pasado en Dumbría, tivo que adiarse un mes e buscar novo escenario, pero o público da localidade non quedará sen ver a Artur Trillo en acción. O actor e director estará o venres en O Ézaro (Edificio Bitácora, 21.30) cos seus compañeiros de reparto representando O método Grönholm.

-¿Como van os preparativos da nova obra?

-Hoxe acordamos estrear o 3 e 4 de outubro en Santiago, así que temos por diante dúas semanas de ensaios. É un espectáculo de pequeno formato, infantil, para nenos de entre 4 e 8 anos no que estamos en escena Fernando Fraga tocando o acordeón e eu mesmo contando varios contos da italiana Adela Turín que abordan a cuestión de xénero cun punto didáctico.

-Seguen alternando obras para distintos tipos de público.

-Desde o ano 2000 é unha constante da compañía ter cada ano un espectáculo infantil e outro de adultos novo, que se van sumando á oferta do noso cartel.

-Algún leva xa moitos anos no cartel. ¿Cal é o segredo desa lonxevidade?

-O que máis permanece no tempo é Bicos con lingua, que é do 2003 e que ten varios ingredientes para permanecer tanto tempo en cartel: é unha obra en clave de comedia que resultou moi ben entre o público; é un espectáculo no que nós divertímonos moito facéndoo, e o que conta é merecente de continuar con el, de seguir dando a batalla porque a situación da lingua non só non cambiou, senón que vai a peor.

-¿Que importancia ten o apoio do público da Costa da Morte para Talía?

-É gratificante ter o apoio do público, pero tamén dos concellos, que conten contigo e que apoien a liña de traballo que levamos facendo. E nós non somos indiferentes á comarca: damos clases por toda ela. O público tennos cariño e nós témoslle cariño a eles, é un afecto do que nos alimentamos mutuamente e por iso nos gusta moito actuar aquí. De feito esta semana estaremos en Dumbría, a próxima en Fisterra con Bicos con lingua e despois a Corcubión con Demolición. Non queremos esquecer que somos de onde somos.