«Galicia é máis ración que nunca»

A. Palmou CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

MARCOS CREO

O cómico abre hoxe, xunto con Talía, o ciclo teatral «Dumbría a escena»

22 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa da Cultura de Olveira levanta hoxe o pano das segundas xornadas de teatro Dumbría a escena cunha sesión dobre. Os rapaces son os destinatarios de Valentino Rufini e Âkil Pillabán, a obra coa que Talía abrirá os actos ás 12.00 horas. Xa a última hora da tarde (21.30) chegará o momento da retranca co popular Fede Pérez, que poñerá en escena o monólogo Ración de Breogán.

-¿Por que ese título?

-Porque é un monólogo que fala sobre o nacemento de Galicia como nación narrado en primeira persoa por Breogán, o seu fundador. E como somos un país de comer ben, de paparotas, pareceume simpático facer ese xogo de palabras. En Galicia as cousas mídense por ferrados e por racións.

-¿Cómo sería o estado actual en termos culinarios?

-Pois é máis ración que nunca, pero aínda que a materia prima segue sendo moi boa ás veces non temos os mellores cociñeiros. Fai falta un pouco máis de amor polo noso e seguro que volverán a saír boas receitas.

-Hai quen di de que as racións cada vez son máis pequenas.

-Tamén, tamén. O prezo sube e a ración achícase, pero hai que loitar porque polo menos se manteña como está.

-¿Gustaríalle facer máis papeis afastados da comedia?

-Como pasa con todo nesta vida, cando acostumas á xente a unha cousa parece que só te chaman para iso, pero desde aquí quero aproveitar para dicir a quen me queira chamar para facer películas de terror, dramas, ou incluso, porno, que non teño problema ningún.