O tesouro da Raíña Lupa no monte Pindo

MODESTO GARCÍA QUINTÁNS

DUMBRÍA

Un posible emprazamento, di a lenda, estaría debaixo do Castelo de Peñafiel

07 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta a lenda que no monte do Pindo atópase agochado un importante tesouro da Raíña Lupa, considerada por moitos dos nosos antepasados como unha poderosa bruxa.

Un dos lugares lóxicos onde podería estar é debaixo do Castelo de Peñafiel, do que se ten a crenza que baixo os seus pés discorren varios túneles. Un deles comunicaría co Cadoiro do Ézaro e a súa porta estaría situada na marxe esquerda do río Xallas. De feito, pódese ver desde o último treito da pasarela de madeira, preto da fervenza, mirando cara ao castelo de Peñafiel. Esta entrada era coñecida como Portiña do Inferno ou tamén como Ventana da Bruxa.

Segundo a lenda transmitida polos nosos vellos, entrando por esta porta aparecían outros tres túneles: un deles conducía ao tesouro, protexido por unha doncela de cabelos dourados. Outro túnel seguía ata un labirinto escuro que se perdía na eternidade, e o terceiro conducía ao exterior pasando por debaixo do castelo. Cando a cascada estaba no seu máximo esplendor e as mulleres do Pindo viñan a lavar a roupa baixo a fervenza, ninguén se atrevía a escalar ese muro de entrada polo perigo que supoñía.

A presa

Coa construción da presa de Santa Uxía, sobre o ano 1990, o caudal diminuíu e algúns curiosos lograron chegar á porta. A sorpresa foi grande. Tratábase dun oco duns dous metros de longo producido polo desprendemento dunha rocha con forma de porta. Despois deste recente descubrimento desapareceu a lenda que tanto preocupaba aos nosos antepasados.

Para os interesados, esta porta pódese localizar nas coordenadas UTM (29ED50): X = 490660; Y = 4751320, a unha altitude de 60 metros sobre o nivel do mar.

apuntes históricos