Os cabezaleiros do Ézaro

Modesto García Quintáns

DUMBRÍA

29 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Ézaro, aparte de ser parroquia, é un núcleo rural do concello de Dumbría, moi coñecido pola fervenza do río Xallas. O primitivo núcleo formouse no centro dun val próximo a un corto regato coñecido como río Rosa. No ano 1887, esta aldea tiña 81 veciños e 374 habitantes. Co paso dos anos foi medrando de forma totalmente desordenada en forma de barrios ao carón do litoral, tendo na actualidade 395 veciños, 753 habitantes e doce barrios.

O territorio abarca unhas 510 hectáreas, das que 40 aproximadamente están dedicadas a labrado e o resto a arborado. As fincas de cultivo son moi pequenas, da orde de 60 parcelas por hectárea, chegando nalgúns casos ata 100. A servidume de paso é a través de sendeiros, é dicir: non hai camiños de carro por ese costume de usar camiños temporeiros, tamén coñecidos como carriles .

Aínda que a terra é moi fértil, contén unha elevada porcentaxe de area, polo que nos veráns secos as colleitas, principalmente as do millo, eran pobres. Tíñase moi en conta a predición do tempo, principalmente no verán, por iso se consultaban as témporas e os primeiros doce días de xaneiro. Mentres que os de Carnota mataban un becerro se lles eran favorables, os do Ézaro resolveron este problema a base de moito traballo, construíndo tres presas a distintos desniveis do caudaloso río Rosa para conducir a auga a través de canles ao longo das curvas do terreo e poder regar nas épocas do verán. Esta actividade de rego estaba repartida por horas durante o día e maila noite, e rexidas por unhas normas verbais acordadas polos veciños más potentados daquela época, coñecidos como Os Cabezaleiros.

Estas normas eran cumpridas e respectadas pola maioría como si fora unha lei, aínda que non estaba exenta de pelexas, inimizades e preitos. Cada cabezaleiro tiña uns días de rego sinalados durante a semana e repartíanse as horas en función do número de regantes. Toda esta actividade só queda na memoria dos maiores. Así, O Chena repartía medio día coa Leisa. O Vinagre repartía entre Miranda, Habanera e Loura. O Ferreiro entre a Beira e Louredo. A Regacha entre Palomo e Cancela, e o Roque, que regaba un terzo do día e o resto das horas, a quen lle tocara.

Todo o terreo labrado cubríano con tres presas situadas no río Rosa, coñecidas como: A de Riba estaba ao lado do muíño da Regacha, desaparecido nunha riada, e regaba a zona de Xornes e a Senra. A presa do Medio estaba na zona do Lombiño e conducía a auga polo oeste do lugar, pasaba por debaixo do patín dun cabazo do Cancelo e remataba nas leiras do sur. A presa de Baixo era a máis importante. Conducía a auga hasta cerca das Lagoelas nun traxecto duns 600 metros.

Nos períodos de rego apenas había descanso no lugar tanto de día como de noite. Os veciños amigos mantiñan unha axuda mutua e os menos amigos procuraban interromper o paso da auga roubándoa. Na actualidade, este río apenas leva auga no verán porque as fontes foron collidas para usos domésticos e as leiras no teñen futuro produtivo, salvo que se produza un milagre e os veciños acorden facer unha parcelaria.