Xosé Antonio Andrade: «Busquei o poder evocador da identificación»

F. Rodríguez / P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CORISTANCO

ANA GARCIA

O escritor e avogado presenta esta tarde «Os cómaros da vida» na biblioteca de Coristanco

25 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo o selo de Espiral Maior vén de saír á rúa o libro Os cómaros da vida, Diarios 2020-2022, do avogado e político coristanqués Xosé Antonio Andrade (1957). Dúas citas con el e con esta obra nas vindeiras horas: hoxe mesmo, ás 19.30, na biblioteca de Coristanco, e o vindeiro 30 de outubro na sede de Espiral Maior Foro en Carballo (20.00). Falou Andrade en Radio Voz:

—Exemplar lido.

—Agardo que poida lelo moita xente [ri]. Os diarios non deixan de ser un estilo literario cun formato específico, quizais algo en desuso. Xa empregara esta estrutura en Reválida de sexto, se ben en Cómaros o autor é o propio narrador, e protagonista. Danse as tres condicións.

—Elixiu anos de pandemia.

—Si, tal vez porque as circunstancias eran as que eran, un dispoñía de máis tempo morto para escribir, para as reflexións ou para recoller as impresións que che causa o entorno, a xente, aínda que fose a través das redes. Cómaros estaba pensado para editar con fotografías, tal cal se fai nas redes, pero editar unha obra con 70-80 imaxes implicaría un custo desproporcionado. O reto estivo en contar o mesmo que as fotografías din, sen estenderme demasiado. É máis, algúns parágrafos son lapidarios. Se iso ocorrese, que ninguén se preocupe, que salte ao seguinte.

—Falamos dunha obra íntima, a familia, as perdas na familia, o protagonismo dos netos...

—Non fixen tal cousa cun sentido egocéntrico de pretender ser eu o artífice de nada. Se entro en detalle nalgunhas relacións persoais, familiares, sociais, é xusto buscando esa medida de identificación que poida haber coa demais xente. Non ten maior importancia que sexa autobiográfica, senón que o que se busca é o poder evocador de identificación, ou esa era a miña intención. Na medida en que o consiga, satisfeito.

—Como temos que vivir a obra?

—Contén o libro ao final un índice onomástico e un índice toponímico. Aparece toda a Costa da Morte, toda a comarca bergantiñá e, moi especialmente, o meu concello, polo que máis pateo. De algunha maneira é unha obra coral na que, directa ou indirectamente, participa moita máis xente. E é que no meu propio perfil de Facebook vexo comentarios agudísimos, outros de profunda reflexión...

—As redes tiveron especial peso durante o tempo de covid.

—Moito. As redes, con grandes inconvenientes, cando se empregan con sentido de cordura, tamén ofrecen algunha vantaxe para o benestar e felicidade, e probablemente neste caso salváronnos dun illamento maior. O problema é que o concepto de «rede» de verdade está a piques de desaparecer.

—Na obra tamén está o seu traballo, o despacho. Xubilará?

—Encantaríame ter horas e horas para non facer nada, pero as cousas non sempre saen como un pensa, e eu non podo a día de hoxe deixar de traballar. Non obstante, aínda que este meu careto me traizoe, son unha persoa de optimismo esaxerado e penso que mentres poida erguerme, coller o bus, ir ao despacho, volver lendo unhas páxinas, axudar a empregados ou colaboradores... non podo chamarme desdichado.