Juan García Pose, alcalde de Coristanco: «Hai moitos contidos cos que entreterse na festa»

Melissa Rodríguez
Melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

BASILIO BELLO

Especial Festa da Pataca de Coristanco | Destaca a aposta deste ano polas elaboracións gastronómicas nas que a pataca predomine, entre outras novidades para a 42 edición

15 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A 42.ª edición da Festa da Pataca de Coristanco botou onte a andar, un ano máis, organizada polo propio Concello. O alcalde, Juan Carlos García Pose, explica tódolos detalles da mesma e analiza a situación deste tubérculo de renome.

—Cales son as novidades deste ano?

—Creo que hai un reenfoque na parte gastronómica, unha transición. Separámonos daquilo que viña sendo moi de costume, de comer pratos típicos como carne ao caldeiro ou asada, cunhas elaboracións onde a pataca é moi predominante, máis ben en tipo pincho, tapa, co respaldo do CIFP Paseo das Pontes, da Coruña. Entón, para nós é moi ilusionante. Vimos que era o momento de evolucionar. É unha das apostas. Ademais, se algo ten a pataca, no caso de que cale, é que podemos sorprender con elaboracións novas, pois hai moitas formas de consumila que son descoñecidas, o que pode resultar de interese para a xente.

—A festa pasou a concentrarse en dous días, sábado e domingo.

—Hai que recordar que a festa a organiza o Concello, como institución, pero ao final quen traballa é o persoal municipal, fundamentalmente, coa colaboración dos produtores. Entón, ao final tres días para nós era unha xornada máis de seguridade, de ter que estar... Desta forma, non quitamos contidos, pero si os condensamos, sen perder algo que nos gustaba e que a xente local ve con moito cariño como a sardiñada cos cachelos, que pasou ao sábado á noite.

—O feito de que unha cita desta entidade a organice a Administración local é algo a poñer en valor.

—Cremos que é unha festa que trascende moito á pataca e ao territorio. É unha festa dos concellos máis rurais, na que se trata de poñer en valor os produtos que destacan e, sobre todo, algo que os galegos teñen moi asentado, o feito de ligala á mesa e á familia, pois é de día, sáese a outras festas convencionais. Hai moitos contidos cos que entreterse. Estas cousas só as pode sacar adiante un Concello que ten ese músculo e que non busca un interese económico, senón máis ben, que a cultura non se perda, e destacar o traballo que fan produtores e comerciantes. Pero tamén digo: ogallá houbese ganas e implicación por parte de alguén de crear unha pequena asociación con apoio de recursos para facerse cargo, porque hai cousas que non se poden facer. Cando fas unha proxección do territorio de Coristanco proxectas tamén Bergantiños e a Costa da Morte. Todos sumamos. A implicación dos veciños é maiúscula coa decoración dos tractores, a recreación en vivo das actividades na leira que vai haber este ano... Moitos contidos que fan que Coristanco brille uns días. É unha pena que non se poida capitalizar ao longo do ano a través dunha gastronomía potente, pero confiamos que poidan ir xurdindo cousas e que outros concellos vaian tirando do noso produto, recoñecido.

—Ademais, desfrutar da gastronomía nela vólvese moi asumible.

—Un pincho que vai ser moi xeneroso custará 2 euros. Un paquete de patacas especiais estarán en torno aos 2 euros. As cousas teñen que ter un valor, non é un criterio económico.

—É a 42 edición, que logo se di. Hai máis festas da pataca tan lonxevas?

—Hai dúas fins de semana estivemos na de Alimagro, en Xinzo de Limia; unha festa diferente con moita maquinaria. Tamén fomos a outra en Vilar de Barrio, que debeu de ser das primeiras, ao lado de Xinzo. Nós imos alí, e os alcaldes tamén nos visitan. Aquí na nosa contorna non teño coñecemento de que haxa ningunha.

—Que outras actividades destacadas haberá?

—Recuperamos a exposición de tractores antigos, con algún de máis de 100 anos. É a segunda vez que se poderán ver. Volvemos ter exposición de fotos, e vai haber xincana de tractores feminina en compromiso coa igualdade.

—Vostede coñece a produción da pataca de primeira man.

—Miña irmá ten unha explotación agraria de patacas. Dedícase a iso. Na aldea sempre se axuda na casa, aos veciños.

«O Concello ten que conseguir con estes recursos dinamizar o territorio»

Juan tamén é habilidoso no tractor.

— Volveremos velo na xincana de tractores?

—Teño unha idade na que teño que colgar os guantes [ri]. Pero a min fanme trampa, porque todos os que concursan adestran o sábado, e eu, sen subirme ao tractor. Pero se iso contribúe a que se rían de min, sen problema. Estarei por alí.

—Quédalle algún reto por diante á celebración coristanquesa? A súa promoción está moi ligada, nos tempos máis recentes, á gastronomía.

—Hai unha cuestión na que nos temos que ir fixando: en ser capaces de trasladar a parte cultural do que é o mundo rural, e nomeadamente, da pataca, porque á xente pregúntaslle que é un trullo e non o sabe; unha ferramenta que se utilizaba para tapar as patacas cando se plantaban. Moitos non viron coser un saco ou como se sementaban ou apañaban. Hai que saber tamén a onde vamos e o coidado do produto, porque pasou de ser algo básico a hoxe comer patacas soas de Bonilla ou a que restaurantes de renome inclúan nas súas cartas a pataca de Coristanco. Estas cousas poden servir para que xerminen iniciativas empresariais. Formalizáronse contratos entre produtores e operadores como Bonilla ou Eroski; fálase de que algún quere ter unha nave de almacenamento e procesamento aquí... O Concello ten que conseguir con estes recursos dinamizar o territorio. Eu pregúntome canto tempo tardará algún empresario da hostalaría en crear un punto de restauración onde a pataca brille ao longo do ano aquí en Coristanco, porque seguro que ocorrerá.

—Agora están coa recollida das kennebec. Como vén a colleita?

—Si, aínda que houbo interrupción porque choveu bastante. É difícil facer esa valoración porque agora os cultivos son moi abertos. Hai dificultades para loitar contra as pragas, para atopar man de obra... Pero tamén van irrompendo profesionais con máis medios. Penso que hai unha enorme oportunidade de negocio porque recordo anos nos que a pataca quedaba na casa, e no almacén está por riba de 1-1,20 euros. Os prezos son altos en destino, por riba de 1,50.