A asociación Buserana tamén presentou as súas actividades polo 8 de Marzo, e en Corcubión presentarase este fin de semana unha antoloxía con obras de varias autoras
01 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Do 7 ao 11 de marzo • O Concello de Coristanco volve sumarse un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Muller, e faino cunha programación que inclúe actividades culturais, divulgativas e deportivas. Comezarán o día 7, cun espectáculo para público adulto a cargo de Trémola Teatro (18.00 horas) e coa inauguración da exposición Pioneiras de Coristanco 2023 (19.00), trala cal actuarán as pandeireteiras de Ponte Lubiáns.
Todo ilo será no edificio de servizos múltiples, onde tamén un día despois, o propio 8 de marzo, se poderá ver un espectáculo para público infantil a cargo de Raquel Queizás (18.00), así como a proxección do audiovisual As pegadas de Rosalía (19.00).
Por último, o sábado 11 de marzo celebrarase a partir das 11 da mañá unha Andaina pola igualdade. Será circular, de dificultade baixa e ao longo de seis quilómetros. Completar todo o percorrido levará aproximadamente unha hora e media.
Os actos de Buserana e un taller de autodefensa para mulleres en Corcubión
Buserana, a asociación feminista decana da Costa da Morte, presentou tamén o seu cartaz de actos para conmemorar este Día Internacional da Muller. A primeira das actividades consistirá nun café feminista, como deron en chamalo, que se celebrará na cafetería Express de Cee este mesmo domingo, día 5 de marzo, ás seis e media da tarde.
O día 8 a entidade participará pola mañá nun coloquio radiofónico nunha emisora comarcal, e xa pola tarde, dende as oito, concentrarase na Praza 8 de Marzo de Cee.
Corcubión
Paralelamente, o Concello de Corcubión anuncia para este sábado un taller de autodefensa para mulleres ante situacións violentas. Desenvolverase de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e hai que anotarse en Servizos Sociais ou ben chamando ao número de teléfono 981 745 000.
«Entre leiras e labores»: reunión de autoras galegas
Sábado 4 • 12.00 • Capela do Pilar • A Capela do Pilar de Corcubión acollerá este sábado a presentación da antoloxía verbo-visual de autoras galegas Entre leiras e labores. Literatas-artistas, artistas-literatas, unha obra que recolle as creacións de catorce autoras que pivotan entre a escrita e as artes plásticas e visuais. O proxecto inclúe traballos das creadoras Afra Torrado, Ana Pillado, Ánxeles Peñas, Begoña Paz, Blanca Silva, Charo Lopes, Clara Martín, Emma Pedreira, Eva Méndez do Roxo, Helena Villar Janeiro, Lorena Conde, Rebeca Baceiredo, Soledad Pite Sanjurjo e Viki Rivadulla.
Precisamente esta última será unha das participantes na presentación do sábado, xunto con Emma Pedreira e Inma Doval Porto, a editora da obra. Tamén participará a libraría carnotana Chorima, por se algún asistente desexase facerse co volume.
A obra xa foi presentada na Coruña, Betanzos, Pontevedra, Compostela e Ourense.