Margarita Ardao, directora xeral: «Os emprendedores adoitan estar entre os 45 anos e os 54»

fran rodríguez, m. r. s. CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

.

Nos tres polos galegos, entre eles o de Coristanco, trabállase con 75 proxectos. Un foro dará a coñecer mañá en Ponteceso cinco novas experiencias

10 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego da Costa da Morte segue avanzando dende as dependencias do centro de promoción rural EFA Fonteboa de Coristanco. Cinco mulleres emprendedoras da comarca contarán mañá a súa experiencia na Fundación Eduardo Pondal de O Couto, en Ponteceso, a través dun foro promovido pola Xunta. As persoas interesadas en acudir aínda están a tempo de inscribirse en polosemprendemento.gal. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a facer unha aposta forte neste eido. Sobre todo isto e máis falou a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, no programa Voces de Bergantiños de Radio Voz.

—Que poderemos atoparnos no foro?

—Este foro sirve para visibilizar o traballo feito e, tamén, as oportunidades e retos para emprender na contorna rural e xerar riqueza. Hai que traballar con método e esforzo, pero resulta moi gratificante. Non emprender sen máis, se non estar sempre aí e, cando hai fochancas, aprender e volver a guiarnos no camiño adecuado. Participarán Pilar Trillo, promotora dun proxecto de turismo rural; Begoña Fernández, de Stoupa, que conta cunha firma de artesanía local; Patricia Vaquero, da consultora Nós igualdade; Silvina Muñoz, de repostería creativa Algareira, e Cristina Vázquez, de Horta do Noroeste. En Galicia contamos con Carlota Corzo na lista da revista Forbes como exemplo recoñecido.

—Como funciona o polo?

—É importante impulsar o emprendemento dende os territorios. O que ten a sede en Coristanco inaugurouse hai un mes. Son iniciativas que buscan axudar ás persoas que están pensando en emprender ou que teñen un negocio en marcha, con novos retos por diante. A través del, apóianas, impulsan, identifican, guían, acompañan de forma continua mediante o persoal técnico que está alí. Ensínase unha ferramenta común validada e adaptada aos proxectos cun acompañamento persoal.

—Cantos hai en toda a comunidade?

—É un dos 12 totais en toda Galicia. O obxectivo deste ano é abrir 5. Temos xa en funcionamento tres, xunto cos de Verín e Silleda. Proximamente, chegaremos a Monforte e Ferrol. Están distribuídos xeograficamente de tal maneira que dan cobertura a varios concellos. Na Costa da Morte abárcanse 8 comarcas. Están pensados así para afianzar negocios nos territorios e fixar poboación, ademais de crear emprego.

—Cal é o perfil dos emprendedores?

—Acaba de presentarse o informe GEM en Galicia 2021-2022 que desvela que o 40 % dos que queren emprender teñen niveis altos de formación para facelo; que un 5,3 % das mulleres adultas queren encabezar iniciativas fronte a un 4,4 % de homes, e que un 27 % da poboación percibe oportunidades para aprender, mentres o 51 % ten habilidades para emprender directamente.

—E que sabemos respecto ás idades?

—A media está entre os 45 e os 54 anos. Coa pandemia, a xente reflexionou e ven que emprender é unha forma de vida, non só ter un negocio: ser o seu propio xefe, un reto bonito... Actualmente, temos uns 75 proxectos nos tres polos.