Somos os comedores de patacas

Aser Álvarez González

CORISTANCO

BASILIO BELLO

EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe Aser Álvarez | A inauguración do museo coristanqués é un feito tan importante como prometedor

25 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un reto e unha honra para o noso equipo multidisciplinar de Arraianos Producións deseñar o proxecto de musealización e axudar a crear os contidos e o relato expositivo do primeiro museo da pataca de Galicia e de España, un dos primeiros espazos museísticos de Europa que xiran arredor da cultura, o cultivo e a historia deste tubérculo.

Tiñamos claro que había que contar unha boa historia usando todas as ferramentas que nos permitían as novas tecnoloxías, e facelo de xeito que fose un relato divulgativo e atractivo tanto para a comunidade local coma para os viaxeiros que nos visiten.

O desafío era maior aínda sabendo que estabamos nun dos epicentros da cultura e do cultivo da pataca en Galicia, en Coristanco, na terra de Bergantiños, onde ademais xa contabamos cun espazo definido e que condicionaba moito o noso traballo: tres colectores de carga reciclados, unidos en forma de u, con grandes fiestras abertas cara a unha praza central, que nun futuro vai estar cuberta e cos apeiros de labranza que nos van falar da evolución no cultivo da pataca coa mecanización.

O certo é que foron meses apaixonantes de traballos, angueiras e de darlle moitas voltas á pataca para remexer nos miolos, semanas de comer moitas patacas, de falar coa veciñanza e de visitar os centros educativos, tempo de documentarnos e de escoitar aos expertos, aos labregos e labregas e sobre todo á xente que hoxe produce as patacas en Coristanco, unhas patacas que deberan estar presentes como elementos esenciais en todos os restaurantes merecedores de estrelas, garfos e outras distincións de calidade, tanto en Galicia como fóra das nosas fronteiras.

Ana García

Neste noso país, posiblemente un dos primeiros de Europa aos que chegou o tubérculo dende América, somos pataqueiros por definición e por cultura, somos uns grandes comedores de patacas. Xa o dicía o meu fillo, cando sendo un cativo a xente lle preguntaba se lle gustaba máis a carne ou o peixe. Sempre contestaba que a el o que realmente lle gustaban eran as patacas... Fixéronnos así, e grazas ás patacas que plantaron, colleitaron, apañaron, cociñaron e comeron os nosos devanceiros hoxe estamos nós aquí. Este museo tiña que ser un exercicio de memoria, unha homenaxe a todas as xeracións anteriores, sobre todo ás mulleres, mais tamén unha reflexión crítica sobre o presente e o futuro da pataca desta terra.

Obra colectiva

Xa que logo, o Museo da Pataca de Coristanco é unha obra colectiva, feita con espírito comunitario grazas á colaboración de persoas, institucións, entidades, colectivos e empresas. Un espazo vivo e dinámico que acaba de nacer e de dar os seus primeiros pasos, mais que sempre vai estar aberto a novas incorporacións e achegas para coñecer mellor o pasado, o presente e o futuro da pataca con máis sona de Galicia.

Deseñamos un percorrido multimedia polo cultivo, a historia e a cultura deste tubérculo. Unha viaxe que podemos facer grazas aos que habitaron estas terras antes ca nós, aos que homenaxeamos con agarimo nestas instalacións, lembrando tamén aos pioneiros e pioneiras da pataca de semente e os inicios Festa da Pataca de Coristanco.

No menú que deseñamos para o centro, con toda a humildade do mundo, podemos atopar variedades das castañas da terra, coma aínda lle chama algunha xente maior ás patacas, e descubrimos a potente regueifa de Lupe Blanco, que nos conta unha historia patacuda e retranqueira; mais tamén contamos con fotografías antigas e retratos contemporáneos de grandes fotógrafos, e coa a pintura dos artistas locais Loli, Isa e Luís, e coa colaboración dun grafiteiro de fama internacional coma Mon Devane, ou coa singular imaxe corporativa do museo, que é obra da rapazada de Coristanco.

Ana García

Os audiovisuais recollen as historias de vida e os procesos creativos das pinturas e dos murais, mais tamén temos apeiros de labranza, cestos, tallos, códigos QR, podcasts e todos os avances que nos permiten as novas tecnoloxías para contarlles unha historia única aos que nos visiten e transmitirlles ás novas xeracións toda esta sabedoría e cultura popular. Porque delas depende o presente e futuro da pataca de Coristanco. A inauguración deste museo coido que é un fito tan importante como prometedor.

Grazas ao Concello de Coristanco pola súa confianza e por darnos esta oportunidade e a toda a xente destas terras que nos axudou a facer realidade este soño colectivo do Museo da Pataca de Coristanco.

DNI

Aser Álvarez. Nacido en Bande, Ourense, en 1976, Aser Álvarez é socio fundador de Arraianos Producións. Cineasta, guionista e formado en Ciencias Políticas e Xornalismo, traballou en diferentes medios de comunicación e comisariou, produciu e dirixiu proxectos expositivos e multimedia, documentais, novos formatos, editoriais... Ademais de coordinar o proxecto de musealización do flamante Museo da Pataca de Coristanco, estivo implicado noutras iniciativas que pasaron ou tocaron dalgún xeito a Costa da Morte, como unha exposición retrospectiva de Xosé Vizoso que puido verse no Ecomuseo Forno do Forte, ou o volume Anacos do rural. Unha revisión documental do pasado recente da Galicia rural, con algunha fotografía da comarca.