Os santos esmoleiros en Bergantiños

luis ángel bermúdez fernández

CORISTANCO

LUIS ÁNGEL BERMÚDEZ

PATRIMONIO RELIXIOSO | Nas igrexas de Bergantiños é bastante común atoparse con pequeniñas imaxes, colocadas polos recunchos das sancristías ou nos distintos retabloS

12 feb 2022 . Actualizado a las 01:45 h.

Nas igrexas de Bergantiños é bastante común atoparse con pequeniñas imaxes de santos, colocadas polos recunchos das sancristías ou nos distintos retablos. Polo normal, estas efixies non miden máis quince ou vinte centímetros e caracterízanse por ser tallas populares, non moi elaboradas e máis ben bastas. No pasado, estas representacións do santoral, con gran devoción na zona, eran portadas por algún veciño para recoller esmolas, por iso presentan unha asa na súa parte posterior co fin de poder trasladalas con maior comodidade.

Os donativos que se xuntaban ían destinados a sustentar o culto do santo ou, do mesmo xeito, para poder sufragar os gastos da función da festa. Moitas destas imaxes perdéronse co paso do tempo e, aínda que a meirande parte son do século pasado, algunhas teñen certo valor artístico, xa que foron realizadas nos anos centrais do século XVIII, como por exemplo unha réplica que se fixo de san Ramón de Couso (Coristanco).

Aparte de ser portadas para pedir, ás veces levadas a zonas bastantes lonxe do seu lugar de orixe, eran dadas a bicar no día da súa festa. Aínda hoxe en Verdes, por exemplo, o día de san Adrián dáse a venerar unha pequena reprodución do santo, recitando a oración «santo bendito le dé sanidad, le quite la enfermedad con poder de Dios y de su santa Madre. Amén». Xuntamente, o sancristán pasa o coitelo do santo, feito de madeira, por aquelas partes afectadas polas verrugas, xa que san Adrián é especial protector contra elas.