Glorietas de escasa gloria

Xosé A. Andrade TRIBUNA ABERTA

CORISTANCO

BASILIO BELLO

01 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

reforma acometida na travesía da capitalidade municipal de Coristanco pasou por improvisar unha raquítica rotonda xusto diante da Casa do Concello. O diámetro do illote que deben rodear os vehículos é tan pequeno que, con moita frecuencia, os camións e autobuses de maior dimensión son incapaces de completar a maniobra de xiro á esquerda, en dirección a Erbecedo, malia que non implica unha variación de rumbo superior a 45 º. Xa non digamos se o intento é de cambiar o sentido da marcha. En ambos casos, vénse obrigados a montar parcialmente sobre da beirarúa, con risco para os viandantes e mesmo para o edificio ergueito no solar da antígua Cámara Agraria local.

Sempre pensei que esta pobre solución viaria nacera con vocación de provisionalidade e que, antes ou despois, a desaparición da coñecida como Casa de Tina permitiría integrar o solar que esta ocupa no patrimonio municipal, con posterior cesión á Administración titular da estrada comarcal C-552, a cambio de acometer unha reforma máis ambiciosa da rotonda en cuestión. Remárquese que ademais da densidade circulatoria do lugar, aquel cruce é, por así chamalo, o corazón urbano do municipio. Pero o meu Concello nunca destacou por buscar solucións audaces e valentes na resolución de problemas complexos.

De feito, o inmoble referido (que presentaba un lamentable estado de conservación) foi derrubado vai para un mes. Pero -en contra do que este rariño e inxenuo veciño pensaba- no seu lugar están levantando unha estrutura de certa envergadura. É de supoñer que a propiedade, con toda lexitimidade urbanística, esgotará o 100 % do volume edificatorio que o PXOUM lle reserva. Se tal hipótese se confirma, en breve teremos un edificio de tres plantas metido de cheo na intersección. E non só reducirá a xa escasa visibilidade polo lado dereito da ridícula glorieta, senón que impedirá, definitivamente, acometer unha reforma viaria máis ambiciosa e intelixente, tan necesaria para a seguridade vial como para iniciar un proceso de humanización de toda a travesía coristanquesa. Insisto en que non se trata de cuestionar a legalidade urbanística da obra (dou por sentado que se cumpre), senón de chamar a atención sobre dunha carencia de imaxinación, e mesmo de sentido común, dun goberno municipal que contou cun apoio maioritario máis dun cuarto de século. Neste caso, a solución para conxugar equitativamente o interese público municipal e a iniciativa privada non requiría sequera de moita imaxinación. Bastaría cunha reforma puntual do Plan, perfectamente viable, que permitira o mesmo volumen edificatorio na marxe dereita do aparcamento público, situado xusto na parte traseira do solar que agora se vai levantar.

Convén recordar á vecindade que ese aparcamento habilitouse sobre o resto da parcela que o Concello lle mercou á mesma propietaria. Por certo, por un prezo que no seu día se tildou de escandaloso. O máis triste é a absoluta pasividade coa que boa parte da poboación, mesmo a máis directamente afectada, observa este tipo de desatinos. Como se non fora con nós.