Outro 8 de agosto lembrando a Asunción Antelo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

José Manuel Casal

Como cada ano por esta data, día do seu aniversario, amigos e coñecidos rendiranlle unha homenaxe

08 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

De novo Asunción Antelo será lembrada un 8, do 8, ás 8 da tarde. A Rexoubeira de Bergantiños cumpriría hoxe 102 anos e de novo os seus amigos e coñecidos, así como as persoas que desexan manter vivo o seu recordo, xuntaranse hoxe en Segufe (Seavia, Coristanco) para conmemorar o seu aniversario. A pandemia non pode, nin puido, coa lembranza a tan polifacética muller, máis si obriga a facer algún cambio no acto: non haberá os xa tradicionais pasteis nin refresco compartido e haberá que manter as distancias de seguridade, pero non faltará a festa en Segufe.

Na casa de Asunción dará comezo a conmemoración, cunha benvida aos participantes. Despois haberá un pasarrúas musical ata a igrexa de Seavia e un recital poético que estará aberto a todo aquel que queira participar. Seguidamente, música de acordeón a cargo de O'Mighelo e ofrenda floral á Rexoubeira. Para finalizar, interpretarase o Himno do Antigo Reino de Galicia e coordinarase unha ruta guiada pola fraga comunal de Seavia. Ademais, vén de coñecerse que Asunción Antelo protagonizará un capítulo do próximo libro de Jo Farb Hernández, directora e profesora emérita da Thompson Art Gallery e profesora do Departamento de Arte e Historia da Arte na Universidade de San José (California).