Eolo anda tolo

J. Antonio Andrade TRIBUNA ABERTA

CORISTANCO

23 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ainvocación das chamadas enerxías renovables, nomeadamente a eólica, está a converterse nunha especie de mantra ou pedra filosofal en boca da clase política. Agora parece que a dereita máis convencional converteuse, dun día para outro, en abandeirada dos muíños de vento. Semella estar convencida de que cantos máis virandelos xigantes espetemos polos nosos montes, máis axiña evitaremos o abandono do rural, esoutra preocupación que tan ben saben vender nos seus discursos electorais prebostes políticos de todo rango. Porén, a realidade, que sigue a ser teimuda, empeza a deixar ver o efecto práctico contrario: a xente que vive nas proximidades destes artefactos acaba por deixar o lugar onde naceu ou criou, fuxindo dos inconvintes e incomodidades que conleva a instalación dun parque eólico moi próximo ás súas casas.

Sobre cales sexan esas incomodidades, algunhas certamente insalubres, non é, neste caso, tanto o noso obxectivo como denunciar a pasividade de alcaldes (e concelleiros en xeral) á hora de posicionarse fronte a proxectos deste tipo. Moitos munícipes acaban por darlle as costas ao problema ou, no mellor dos casos (como agora tanto se di) poñerse de perfil diante das protestas dos directamente afectados. Conviría, sen embargo, recordar que afectados acabamos por selo todos os veciños, por razóns que escapan á extensión deste artigo de opinión, entre as que a degradación da paisaxe non é un dos males menores da instalación indiscriminada de parques eólicos.

En Coristanco, concello no que vivo, temos practicamente toda a súa parte alta comprometida a favor de Grenalia, empresa que integra o oligopolio galego da enerxía eólica. Por certo, con boa parte do accionariado na carteira de xentes moi próximas ao Partido Popular. Se non se remedia, en moi pouco tempo un cordón de aspas xigantes definirá a nosa paisaxe montañesa, desde o lugar do Campelo ata as lindes municipais con Cabana de Bergantiños. É tan curiosa como triste a consideración que, pretendendo xogar a favor da promotora, contén o texto dun deses proxectos de futuros parques, en concreto o denominado O Cerqueiral, que refire O Vilar, Externande, A Ribela, A Brañeira, e outros, como «pequeños núcleos de población que no cuentan con área sanitaria, docente o cultural», como se o silente, e silenciado, abuso sobre xentes pobres, secularmente abandonadas e de escasa formación, constituíra per se unha atenuante a favor de quen vai -digámolo claro- a expulsalos do territorio que ocupan.

Supoño que esa é a percepción que tecnócratas sen a máis mínima sensibilidade social e ambiental teñen sobre as xentes do rural. Mágoa que, de vez en cando, eses técnicos non teñan ocasión de falar polo miúdo cos victimarios do progreso que queren impoñerlles. Mágoa que non sexan capaces de ver, sequera intuír, o seu apego e a súa querenza por lugariños onde foron quen de resistir todas as dificultades imaxinables. Varias camadas daqueles meus veciños e veciñas emigraron polo mundo adiante, coñeceron sitios moito máis fermosos, formáronse, na medida en que as duras circunstancias históricas o permitiron. E malia todo, volveron á terra e queren seguir vivindo onde naceron; pese a que foron os grandes esquecidos de todos os gobernos, incluído aquel que coa súa boca grande insiste en que hai que salvar o rural, mentres que no seu foro interno está convencido de que o rural non ten outro futuro que non sexa repartilo entre as fábricas de celulosa e o oligopolio dos muíños de vento.

Tal vez sexa unha hipérbole interesada, pero se alguén ten ocasión de ver a impresionante «zapata» de ferro e formigón que, enteiramente soterrada, sostén cada muíño, comprobará que a súa forma é a mesma que a da bomba de Hiroshima, aínda que estoupada de xeito invertido.