Seavia, un paraíso en Coristanco que é preciso conservar

xosé Pumar gándara

CORISTANCO

Carballeira de Amboade
Carballeira de Amboade Ana Garcia

TERRA E XENTE | Escribe Pumar Gándara: «Fannos falta carballeiras como a de Amboade para serenar o espírito»

03 oct 2020 . Actualizado a las 12:46 h.

Quen entre por vez primeira vindo de Santa Comba no territorio do concello de Coristanco, coidará que vai ver as augas remansadas da Lagoa de Alcaián que aínda marcan os mapas da provincia.

Non hai tal. Toda aquela beleza desapareceu aló polos anos 1950 cando unha mina aproveitou a riqueza que atesouraban e defendían aquelas augas secularmente tranquilas, e a natureza puxo entre as máis elevadas da provincia. Quedou todo remexido, perigoso para camiñantes. Explícase o temor e prevención que hai na paisanaxe cando falan de abrir mina aquí ou acolá.

Un castiñeiro xigante

Baixando cara a Igrexa, na que foi chamada alameda de Seavia, presidida por un castiñeiro xigante, hoxe verá un cruceiro sen cruz. Xa é a segunda vez que este cruceiro, que marca o punto onde viran as procesións, sufre o trastazo dunha máquina agrícola. Os cachos do cruceiro orixinal foron conservados e, ben pegados por mañoso artista, fan o cruceiro que hai no adro da Igrexa. Esperamos que repoñan o que había.

Sigamos camiño e, mirando ó muro sur da Igrexa, desde o alto do monte, hai unha crestería, un pedregal que parece entonar melodías a coro louvando a fermosura que contempla. Chámanlle Penavia, en consonancia con Seavia, pois un río, (avia) pasa entremedias.

Quen me dera ser poeta

Desexo chegar a Amboade para visitar a carballeira máis orixinal. Carballos bicentenarios, en harmónicas quendas, enchen de ledicia a calquera. E póñome a cavilar, pero quén me dera ser poeta para dedicar os meus mellores versos a esta fantástica conxunción de beleza: cores de verde suave na primavera, follas verde intenso que castañean cos ventiños do verán, ouro vello no outono, silencio no inverno.

Que anxo salvou á carballeira de ser talada polo pé para faceren travesas para o ferrocarril?

Haberá algunha man que intente facer da carballeira leña para braserías, para churrascadas? Cantas pereceron así! Moitas carballeiras, asembleas de paz e calor veciñal, foron expropiadas, desamortizadas para encher as arcas baldeiras da facenda estatal. Salvouse Amboade, lugar bendecido pola fortuna. Aínda lembramos unha frondosa e altiva nogueira (caroleira, din) en Amboade. Propiedade particular. Hoxe sería unha das árbores senlleiras de Galicia.

Cando a paisaxe está inzada de eucaliptos, fannos falta carballeiras como a de Amboade para serenar o espírito, para a conversa amistosa e gozar de árbores que sobreviviron e conviviron coas xeracións dos nosos maiores. Poderían contarnos tantas historias…

Moitos anos á carballeira de Amboade!