A regueifa da semana | «Tiveron todo o verán para mirar a educación»

lupe blanco

CORISTANCO

Lupe Blanco
Lupe Blanco BASILIO BELLO

A coristanquesa Lupe Blanco retoma logo das vacacións a súa particular análise da actualidade comarcal

13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na volta das vacacións,

vou comezar regueifando

que me botabas en falta,

sei que o estades esperando.

Comeza o novo curso,

a ver do que son capaces:

en vez de forrar os libros

imos forrar ós rapaces.

Haiche moito protocolo,

por se non o dixen antes:

mercarémoslles libretas

e varios desinfectantes.

Tamén digo unha cousa,

sen que me falte a voz:

os rapaces de hoxe en día

sonche máis listos ca nós.

Eles están concienciados,

escoitade a quen canta,

e tamén para os docentes

hai voto de confianza.

Pero a eses que gobernan,

voulle chamar a atención,

que tiveron todo o verán

pa mirar a educación.

Agora entroulle a présa

que hai que buscar a maneira,

pero o de ir improvisando

soamente vale na regueifa.

Pásalles coma no banco,

toma nota e non falles,

que vas á cola o domingo

para que te atendan martes.

En Carballo é moito conto,

para quen visita o banco

que co tema das distancias

chega a cola a Coristanco.

Aínda hai que ter paciencia,

éche moito traballiño,

pois nese tempo de espera

faise un pano de ganchillo.

A min iso non me pasa,

tamén o vou dicir,

que para o que hai na conta

non teño nada a que ir.

Xa vou dar un bo remate,

este final xa o noto,

poñede o tapabocas

se vos quitan unha foto.