José Antonio Pose, propietario: «Hai que comprometerse co mercado»

L. García / C. Viu CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

J. M. CASAL

Terras de Bustelo é unha explotación modélica que dá traballo a cinco persoas

06 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Pose é o propietario de Terras de Bustelo, unha explotación hortícola de Valenza, en Coristanco na que traballan cinco persoas e que ten unha das principais producións de pirixel de España. Conta con 12.000 metros cadrados de invernadoiros e 15 hectáreas de terreo ao aire libre.

-Cando é como comezaron?

-Empezamos no 2004 con tres invernadoiros, 1.384 metros cadrados. Estivemos mirando varias opcións, porque non o tiñamos moi claro. Sabiamos que queriamos facer algo no campo, pero non moi ben o que. Meus pais tiñan unha explotación de vacas de 80.004 quilos de leite, un modelo de 20 vacas e non era viable seguir. Para medrar como era necesario había que facer demasiado investimento. Miramos o tema da flor, porque daquela valorábase a caravel, e o forestal e decidímonos pola horta porque había máis campo para traballar ao aire libre. Os primeiros dous anos puxemos ao aire libre 4.000 ou 5000 metros de repolo pirixel. Foron tempos complicados porque non sabiamos producir, non tiñamos nin idea.

-Vostede viña do mundo do transporte e a súa muller, da costura. A idea era evitar o deterioro do patrimonio familiar?

-Si, para que non pasase como noutras, con moita maquinaria pouco utilizada. Fomos autodidactas, empezamos facer viaxes a Murcia e a Navarra, a ensaios de campos. Con iso vas abrindo a mente e é cando ves outras cousas. Foi cando empezamos xa a ter máis en aire libre e mirando as necesidades do mercado.

-A comercialización é fundamental?

-Vendemos a un intermediario que é o provedor de Vegalsa-Eroski. Especializámonos no manoxo. Fixemos unha diversificación de cultivos, pero con especialización. Leva tempo chegar a facelo porque moito de todo é moito de nada. É moi difícil coller o manexo de tantos cultivos.

-Que teñen?

-Berza riza galega, xeno, pirixel, acelga, rabiza e grelo, seis produtos. Fixemos un ensaio a campaña pasada con nabicol, que é manoxo tamén. Nos anos anteriores fomos facendo cambios. O aire libre permite medrar máis rápido porque non precisas facer investimentos coma nos invernadoiros. Daquela traballabamos máis por campaña. Agora non, ao facer a estrutura e ir medrando pouco a pouco, pero seguro podemos traballar todo o ano máis ou menos igual, sen ter eses picos altos.

-Nestes anos houbo moitas probas e, imaxino, moitos erros tamén...

-Si, moitos, son a mellor escola de pago.

-Que tres cousas aprendeu neste tempo?

-Ter as ideas moi claras, ser serios e comprometerse co mercado.

-Botánselle moitas culpas á comercialización.

-Claro, pero moitas veces non ten culpa ningunha, polo que é moi importante estar ben centrado. Sabemos que hai que traballar e ser moi constante e perseverante. Iso é fundamental porque é un sector no que tratas con cousas vivas e tes que estar moi atento aos cambios. O clima sabemos que nos condiciona moito, porque na agricultura todo o mundo sabe que o home propón e Deus dispón.

-A súa é unha historia de éxito, pero tamén de moito traballo.

-Se trata de que conten con un, que saiban que vas estar aí. O produto, xa todos sabemos que ten que ter calidade, pero ademais hai que ter un servizo bo.

-Organización con produtos deste tipo ten que ser complicada.

-A organización é unha base moi boa. A xente que temos xa leva anos con nós. É importante facer equipo e agora somos unha xente que máis ou menos xa sabemos que facer. Desde o primeiro vimos que facer moito de todo non dá bos resultados. Cun equipo de traballo como o que temos nós podes aprender tódolos días e mellorar, pero se cambias constantemente perdes porque non tes tempo de coñecer.

-Canto tempo traballan?

-Oito horas, de 8.00 a 13.00 e de 15.00 a 18.00. Tamén teñen un mes de vacacións. Cando faciamos a campaña da pataca rompiamos os horarios, rompiamos a organización. É mellor ter o mesmo todo o ano, a mesma xente. Como vai haber xente boa agardando para recoller patacas?