«A regueifa é coma o ''blues'' no Misisipi»

CORISTANCO

Pinto&Chinto

15 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Lupe Blanco Vázquez (Coristanco, 1980) é unha das principais artífices da expansión actual da regueifa. Din por Bergantiños que o seu bisavó Blanquiño de Muíño Seco quizais fose o mellor regueifeiro da historia. Ela é monitora de ximnasio, pero sempre lle gustou cantar. Nun momento dado quixo sumarse á corrente de recuperación dunha arte tan popular noutros tempos. O seu estilo é totalmente leal á tradición, e, ao mesmo tempo, trouxo un aire fresco co que triunfa nun mundo que estaba restrinxido só aos homes, aos que descoloca cando regueifa con eles. Agora fai obradoiros e dá clases en colexios e institutos, e ten actuacións incluso fóra de Galicia.

-Que é a regueifa?

-Pode ser tres cousas. Aquí coñecémola como improvisación oral en verso, con moita retranca, e brava. Tamén pode ser un baile, ou tamén un bolo, un bolo doce ou salgado que se poñía nas vodas e que se facía con fariña de trigo. Así apareceu a figura do regueifeiro que cantaba nos casamentos. Un facíao dende dentro, e outro dende fóra, nunhas batallas que acababan cun premio. O que mellor cantaba e o mellor improvisador era o que levaba ese anaco de regueifa, dese bolo. Nós coñecémola máis pola arte de improvisación oral en verso.

-E Bergantiños era como o reduto de Obélix para unha arte que chegou ata o século XXI.

-Teño un compañeiro que di que a regueifa en Bergantiños é coma o blues no Misisipi. A verdade é que aquí é coma se a xente nacese para ela. Enténdena como algo bravo, con moita retranca, ao que se lle engaden metáforas e historia. En calquera sitio de Galicia que fales de regueifa e de Bergantiños a xente di que son palabras maiores. Na bisbarra aínda hai moita conciencia dela, gusta, e xúntase moita xente cando a facemos. O público enténdea, sabe de que vai e quere oíla, e, a poder ser, que dure horas.

Lupe Blanco, durante el pregón de la Festa da Pataca de Coristanco del 2017
Lupe Blanco, durante el pregón de la Festa da Pataca de Coristanco del 2017 Basilio Bello

-Era só cousa de homes.

-Era sempre cousa de homes. De aí que á xente lle choque moito que unha muller coma min se metese. Afortunadamente os tempos e as mentes van cambiando. Creo que a moitas persoas failles moita graza que haxa unha muller que canta a regueifa. Non había nunca ningunha.

-O caso é que era unha arte que estaba moribunda, e vai e chega vostede e dálle nova vida.

-Si, si. O que menos debeu pensar ninguén é que aparecese unha muller, e, aínda por enriba, que se botase a cantar regueifa. A xente agradécemo e valórame, pero o mellor que me din é que vin modernizala un pouco. Chámalles tamén a atención que apareza nas redes, nos vídeos...

-E sobre todo que lle dese unha volta ás temáticas.

-Totalmente. A día de hoxe podemos falar de calquera tema, e non só atacar as condicións persoais do teu contrincante e de buscarlle os defectos. Hoxe en día incluso pode cantala unha persoa soa, facendo sátiras ou grazas de cousas que se queiran criticar. Se se lle explica un tema ao público por medio dunha regueifa parece que o entende mellor.

-É, xa que logo, unha xusta herdeira de seu bisavó.

-Apenas o coñecín. Meu bisavó botaba o día cantando. Sentaba nun banco na porta da casa, e a cada veciño que pasaba botáballe unha copla. Cando lle levaban tabaco á cama, incluso nos últimos días da súa vida e case sen forzas, tamén os agasallaba cunha copla. Para ensaiar plantaba unha vara no chan, poñíalle unha boina e cantáballe, coma se a vara fose o seu contrincante.

-Que trucos teñen para improvisar versos?

-Cando se quere botar unha regueifa hai que ter claro o que se quere dicir, e, logo, hai palabras recorrentes. Hai versos universais que se poden utilizar para empezar calquera tipo de copla, e, despois, o truco está en que hai que empezar a pensar polo último verso, que é o importante. E a continuación hai que buscarlle a rima no segundo.

-Antes de regueifar cantaba nos pubs. Xa alcanzou certa sona cantando «El pozo de Arán», de Carlos Núñez.

-Eu fun cantareira dende os cinco anos. Sempre me gustou a música tradicional. Logo había aquí en Carballo un local mítico e emblemático, o Stone Bar, no que poñían moito rock, pero sempre tiña un apartado para o folk, e cando poñían esa peza de Carlos Núñez chamábanme para que a cantara. Moita xente aínda se acorda.

-Terá algúns outros gustos musicais.

-Sempre me gustou calquera tipo de música. Dende moi pequeniña escoito todos os estilos: pop, rock e moitos outros. A miña avoa gustáballe que lle cantase pasodobres e música das folclóricas.

-No ximnasio, cando traballa de monitora, pon regueifas?

-Non, aí hai que meterse no reguetón, ou en temas actuais, pero faime moita graza porque cando chego de monitora a algún sitio novo xa me coñecen máis por regueifeira ca por monitora.