A regueifa da semana: «Que pasada de despregue, para o ditador, só faltaba o branco e negro e o cheiro a alcanfor»

Lupe Blanco

CORISTANCO

MATALOBOS

27 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa chegamos a domingo,

e recórdovos agora,

que por se non o fixestes,

ide atrasando a hora.

Pois cambiou un pouco o conto,

se algún anda despistado,

que se non se deu de conta,

ten o reloxo adiantado.

Algunhas cousas non cambian,

por moito que mude a hora,

porque aquí en Coristanco

estamos sen depuradoras.

Non é que non as teñamos,

eu explico o que pasa,

é que por falta de arranxos,

temos a merda na casa.

Iso leva mal amaño,

e os veciños vamos fartos,

a escusa coma sempre,

é a faltiña de cartos.

A ver se agora en novembro,

lle prestan máis atención,

que nos toca pagar

iso da contribución.

Tamén hai cousas que cambian,

non coma en Coristanco,

mudaron de domicilio,

ó que quedaba de Franco.

Que pasada de despregue,

para ese ditador,

só faltaba o branco e negro,

e o cheiro a alcanfor.

E a anécdota do acto,

non foi todo o paripé,

que o piloto do aparato

disque é natural de Cee.

Unha cousa queda clara,

estamos en tódolos lares,

foi un bo profesional,

non o emborcou no Manzanares.

E seguiremos coa boria,

porque está de actualidade,

que atendan á educación

e tamén á sanidade.

Eu aquí xa me despido,

e por se non o sabían,

hoxe toca regueifar

por terras de Euskal Herría.