Juan Ramón Sanjurjo: «O obxectivo é que os consumidores teñan confianza na nosa marca»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Ana Garcia

Os agricultores queren proclamar a orixe dos seus tubérculos para evitar que continúen os enganos. Cóntao Juan Ramón Sanjurjo, presidente da Asociación de Produtores de Pataca de Coristanco

29 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Festa da Pataca presentouse a asociación de produtores de Coristanco. É a que ten que tramitar unha marca que permitirá aos consumidores saber de onde veñen eses tubérculos que tanto aprecia. Juan Ramón Sanjurjo é o presidente a entidade.

-Como é a colleita deste ano?

-Xenial. A de cedo veu ben, grande, e a de tarde a calidade estanos acompañando, pero non a cantidade. Non hai miles e miles de toneladas.

-Teñen controlada a produción?

-Non, é moi difícil saber o que se planta. Calquera veciño ten un tractor e unha leira para o consumo da casa e para vender o excedente. É moi habitual ter de 4 a 8 ferrados, dos que saen uns 8.000 quilos. Se multiplicas pola xente que hai... Temos datos dos que traballan máis de 2 hectáreas e con iso podémonos facer unha idea. A pesar de que algún gran produtor non plantou este ano, calculamos que a superficie incrementouse entre un 10 e un 15%.

-Os prezos altos sempre conseguen iso.

-Niso hai que separar o profesional do pequeno agricultor xubilado, ao que si inflúen moito os prezos. Os que vivimos disto temos máis en conta a demanda. Se cadra plantamos un pouquiño máis do que tes previsto vender, pero no podemos desmelenarnos. Ademais as terras teñen que ter un descanso. Este ano aumentamos todos un pouco a produción porque o ano pasado se venderon bastante ben. Non podemos facer parvadas, hai que ir paso a paso. Sempre escoitei que o que rápido medra rápido ten que baixar. Trátase de facer algo sostible.

-Na Festa da Pataca vendían a un euro o quilo. É ese o prezo ao que aspiran?

-Na Festa da Pataca xuntámonos os nove produtores que expuxemos e tomamos a decisión de vender a ese prezo. Apostamos pola unión, aínda que viamos que nas feiras de Carballo ou Paiosaco estaba máis barata e non queriamos facerlles a competencia. Uno euro por quilo é un prezo xusto, para que o produtor poida ter un soldo digno.

-É o mínimo para a rendibilidade?

-Depende do volume. Non é igual comprar cinco quilos que toda a produción. Evidentemente aos 20.000 quilos hai que poñerlle outra cotización, pero pensamos que ao por menor, directamente ao público, nas froiterías un euro sería o ideal.

-Cal é o principal obxectivo da asociación?

-Obxectivos temos 20.000, o límite é o ceo, pero vemos unhas necesidades e intentamos tapar as principais e unha delas é a marca de garantía porque ves en moitas froiterías de A Coruña como venden pataca como de Coristanco cando pode verse a distancia que non é a nosa. Non necesitamos que nos dean mala fama, cando custounos tanto de conseguir a boa. Eu vendo a restaurantes de Santiago e A Coruña e xa os aviso de que non se poden servir patacas de Coristanco todo o ano, porque non as hai. Se outra persoa as ofrece que saiban que están sendo enganados. A intención é darlle seriedade ao cultivo, con controis. É importante que a xente teña claro que se fixeron as cousas ben, que somos fiables, tamén a nivel fitosanitario. O obxectivo é que os consumidores teñan confianza.

-Como vai a tramitación da marca de garantía?

-É moi complicado, moito traballo, pero contamos coa boa fe dos produtores. Isto é de cara á próxima tempada, porque imos levar un control desde o principio. Pero non imos facer distinto, senón o que fixemos sempre. A nivel profesional xa tódolos pasos están documentados. A diferenza é que coa marca o consumidor vai ver o que ata o momento non viu.

-Hai interese por este traballo?

-A xente ve o problema. Hai que dicirlle ao cliente final que esta é a nosa pataca.

-O principal problema agora é que non poden dicir que as patacas son de Coristanco.

-É ilegal. Eu vendo patacas coa Indicación Xeográfica Protexida, pero non podo dicir que son de Coristanco. O que si podo facer e dicir que están envasadas en Coristanco, pero iso non significa que as patacas sexan de aquí. Podo traelas de calquera lugar en embolsalas aquí. É un xeito de enganar ao consumidor. O que queremos é que haxa control. Agora estamos no camiño, dando os pasos a nivel burocrático e tamén falando cos produtores que queiran unirse ao proxecto.

-É curioso que estas cousas pasen nun tempo no que se valora tanto a trazabilidade.

-Si, se estamos facendo algo para garantir que o produto final é bo e de calidade, ninguén debería ter problema con iso.

-Hai algo de envidia na IXP?

-Nós pertencemos á IXP, somos a IXP, non imos en contra. É moi importante o traballo que está a facer, os controis. Defendémonos todos da pataca de Castela e de Francia.

-Pódese vivir da pataca?

-Hai anos mellores e peores, pero unha familia pode vivir dignamente. Cos controis e a forma de traballar que temos é un bo medio de vida para os tempos que corren.

-Pode devolver á xente á zona rural?

-É una porta aberta, una opción. Non te vas poñer rico para comprar un Ferrari, pero se fas un traballo de calidade podes vivir. Na agricultura tes agora moito traballo, pero hai outras épocas nas que podo recoller á miña filla. Hai momentos duros, pero outros con moita máis liberdade.

-Cambiaría agora?

-Eu son informático e agora estou máis contento, aínda que hai que ter mentalidade de autónomo. Eu vexo aos meus compañeiros de estudos que van máis estresados. E ver aos rapaces xogar na rúa non ten prezo.