«Estamos de festa grande, con un garbo que me mata, somos top en Bergantiños coa Festas da Pataca»

Lupe Blanco

CORISTANCO

MATALOBOS

A REGUEIFA SEMANAL DE LUPE BLANCO | Volve setembro e volve a retranca para analizar a actualidade: ¡lea!

15 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Enfermeiras que protestan,

e como son regueifeira,

mándolle o meu apoio

ás da Virxe da Xunqueira.

Teñen contratos precarios,

porque iso vai por modas,

tamén teño que dicir

que non son elas soas.

Mando apoio a esas mulleres,

que o apoio non abunda,

vós seguide protestando,

que non mexen por ningunha.

E cambio cara Malpica,

que teñen pisos low cost,

só mercaban madrileños,

agora aproveitamos nós.

Por trinta e cinco mil euros,

e sen que haxa un atranco,

antes de mirar o piso,

hai que ir falar co banco.

Os do banco están contentos,

porque nunca están fartos,

van camiño de Muxía,

cargar o furgón dos cartos.

Cando volvan de Muxía,

teñen que ir á Barquiña,

se ven que non lles colle,

que o descarguen na miña.

Estou pensando malamente,

e mirade que non quero,

que eses pisos de Malpica,

vainos acabar mercando o clero.

E chámanme regueifeira,

esa honra non me pesa,

tamén vivo ca fachenda,

se ser coristanquesa.

Estamos de festa grande,

con un garbo que me mata,

somos top en Bergantiños,

coa Festas da Pataca.

Trinta e nove anos seguidos,

e seguimos con alento,

que viva a nosa pataca,

que dure por moito tempo.

Vamos ir cara San Roque,

co tractor engalanado,

lectores deste xornal...

Xa estades convidados!