Os retos do mandato

La Voz

CORISTANCO

22 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Novo goberno. «A miña idea é a de dotar ao novo goberno de Coristanco cunha dedicación exclusiva e dúas parciais, pero antes de nada, teño que manter unha rolda de conversas co resto de partidos para acadar un acordo razoable».

A Festa da Pataca. «Quero lograr unha marca de calidade para a pataca de Coristanco. É unha prioridade. Nun prazo máximo de quince días manteremos unha xuntanza na dirección xeral para que se nos explique as vantaxes e virtudes de acadar a cualificación de produto singular»

Infraestruturas. «A prioridade e a limpeza e desbroce de cunetas e o arranxo do pavimento nas estradas, pistas e camiños. Tamén o arranxo de deficiencias nas unitarias. Por exemplo, na da Feira Nova chove por dentro e non é de recibo que estean así».

Xuventude e maiores. «Este ten que ser o mandato dos máis vulnerables. Poremos en marcha o servizo de madrugadores e reforzaremos o servizo da tarde. E para os maiores, impulsaremos un amplo programa de envellecemento activo, porque o centro de día estaría ben, pero só podería atender a 30 usuarios e non todos serían de Coristanco. Pero Coristanco ten más de 1.800 veciños maiores de 64 anos. Que facemos con eles? Todo o que sexa retrasar o ingreso no centro de día será perfecto, por iso, o programa de envellecemento activo é tan prioritario para este goberno.

Polígono na Miñata. «Ten que ser, si ou si. Se non o fago, ou non poño os medios e o interese para que sexa unha realidade, quedaría retratado ante os veciños. E eu, o que prometo, gústame cumprilo».

Plan de axuste «Non teño datos como para facer unha valoración obxectiva. Primeiro teño que saber en que situación se atopa o plan de axuste e logo opinar. O que si digo é que se teño que liquidar o plan de axuste antes que arranxar a unitaria de A Feira Nova, prefiro manter o plan de axuste como está e arranxar dunha vez por todas a escola. Todo ten as súas prioridades. Porque ademais hai que preguntarse se o plan de axente limita algo a actividade diaria do Concello, e creo que non e así, aínda que si limita, por exemplo, as contratacións de persoal. Pero agora hai cousas moito máis importantes».

Baixada de impostos. «Si, claro. Non pode ser que aos veciños de Coristanco lles cheguen cartas estes días do recibo da auga do primeiro semestre de 2015. Hai que modernizar a xestión municipal, por unha banda, e baixar os impostos, pola outra. Canto? Ata harmonizalos co resto da bisbarra, comezando polo imposto de circulación e o IBI, que serán os primeiros que serán rebaixados. Os veciños de Coristanco xa teñen bastantes cargas e moitos están asfixiados con tanto imposto e a nosa obriga é facilitarlles a vida».