Abrahán Gerpe: «De non cumprir o programa, dimitiríamos todo o equipo»

Fran Rodríguez / Marta López CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

ANA GARCIA

26M: As Municipais | O actual rexedor cre que, grazas á xestión dos últimos dous anos, lograron sacar a Coristanco da situación de parálise na que estaba

14 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Abrahán Gerpe logrou nos comicios do 2015 un único concelleiro para o PSOE. Un único edil, mais foi suficiente para facelo alcalde a metade de mandato, tras unha polémica -á par que mediática- moción de censura que sacou a Amancio Lavandeira, líder de Terra Galega, da posición de mando. Iso si, grazas aos apoios do entón popular Antonio Pensado. Gerpe (1991) converteuse, deste xeito, no rexedor máis novo de Galicia.

Porén, e tras unha convulsa relación cos socialistas, o actual rexedor preséntase agora aos comicios ao abeiro do partido Contigo Somos Democracia.

-A nivel de resultados que cre que pesará máis: a moción de censura ou a xestión municipal destes últimos meses?

-Continuar falando da moción de censura é darlle máis importancia da que realmente tivo. De nada vale seguir no pasado, pois o importante é a xestión que se fixo nestes dous anos. Creo que foi eficaz, dados os recursos limitados que tiñamos. Puidemos mover case oito anos de licenzas urbanísticas paralizadas, pois estaban sen aprobar case dende o ano 2011. Aínda así, creo que o noso gran éxito foi poder pagar as débedas a tódolos proveedores, algúns deles que levaban agardando catro e cinco euros. E todo isto, cun remanente de tesourería de case 4 millóns de euros.

-Coristanco será o Concello que máis candidaturas presente de toda a Costa da Morte de cara a estas eleccións: oito.

-Oito é algo excesivo para unha poboación de seis mil habitantes, pero tamén defendo que cantas máis opcións haxa, máis haberá onde elixir e máis democracia haberá. É positivo este pluralismo político, neste sentido. Temos moi pouca marxe de manobra real, dadas as limitacións que temos por plans de axuste, etc. Algúns partidos están propoñendo grandes ideas, pero igual despois se atopan con que non son capaces de levalas a cabo. Nós, pola contra, levamos un programa ambicioso de vinte actuacións e o noso plan é facer a cinco por ano. Se pasado o ecuador do mandato esas dez primeiras non fosen unha realidade, todo o equipo de goberno dimitiría.

-Fálenos do programa.

-Son ideas moi básicas: acabar de poñer ao día os pagos e as licenzas, a creación dun centro de día, facer un estudo das necesidades de Coristanco, recuperar os obradoiros de emprego, mudar a rede de abastecemento...

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: A favor
  • Aborto: A favor, con matices
  • Investigados nas listas: A favor, tamén con matices
  • Traslado de restos de Franco: En contra
  • Referendo Cataluña: En contra
  • Acollida refuxiados: A favor, con matices
  • Eutanasia: O mesmo, con reservas
  • Cambio lei violencia xénero: Descoñezo o tema
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor, con matizacións
  • Casco urbano a 30 km/h: A favor

Preferencias

  • A que hora se ergue?: Ás 6 e media da mañá
  • Que almorza?: Leite con galletas
  • Prato preferido: Patacas fritas con ovos estrelados
  • Que non comería?: Non o sei, probaría de todo
  • Bebida preferida: Auga
  • Equipo de fútbol: O Coristanco
  • Que coche ten?: Un Alfa Romeo Giulietta
  • Unha afección: Correr
  • Un lugar: O Refuxio de Verdes
  • Que tarefas de fogar realiza?: Un pouco de todo, compartimos

Artes e letras

  • Escritor favorito: Os informes de intervención [ri]
  • Último libro que leu: Non o recordo
  • Última película que viu: Aquaman
  • Un artista: Led Zeppelin
  • Un actor: Leonardo DiCaprio
  • Unha actriz: Sharon Stone
  • Un cantante: Bono, de U2
  • Tipo de música: Electrónica
  • Deporte que practica: Non teño tempo, corro algo
  • Unha viaxe pendente: Sudamérica

A listaxe

1. Abrahán Gerpe Muñiz

2. María José Álvarez Eiroa

3. Secundino Pensado Gómez

4. Luís Souto Gómez

5. María Jesús Martínez Pena

6. Jorge Alberto Mato Porteiro

7. Manuel Castro Amado

8. Adrián Mato García

9. María Celeste Mato García

10. María Carmen Pardiñas Mato

11. José Carlos Vázquez Gerpe

12. Arancha Iglesias Varela

13. Amparo Follente Vázquez

Suplente; Noelia Varela Rial