«O PSOE de Coristanco pode andar algo desilusionado, pero non está morto»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Ana Garcia

A CARREIRA ELECTORAL | OS NOVOS CANDIDATOS Á ALCALDÍA | Miguel Ángel Rodríguez, candidato polo PSOE en Coristanco: «A moción de censura fíxonos moito dano, pero non foi cousa da agrupación local, que non mintan»

22 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Ángel Rodríguez Lista (1962, O Capelán-Oca) traballa no sector da construción e é o secretario xeral da agrupación local do PSOE de Coristanco e o candidato á alcaldía.

-O PSOE leva catro mandatos claramente á baixa: tres concelleiros, logo dous e, agora, un concelleiro.

-Esa é a realidade. Levamos uns anos moi malos en canto a resultados e agora pretendemos cambiar esa tendencia.

-Aínda por riba o que era o único concelleiro socialista facilitou unha moción de censura co PP.

-A moción fíxonos moito dano, pero non foi cousa da agrupación local, que non mintan. A agrupación local de Coristanco sempre estivo en contra desa moción. Unha mentira contada mil veces non se converte en realidade. Por aquela decisión, dun señor que non era nin afiliado, aos que estabamos na agrupación, chegáronnos a tirar pedras, cando nós, repito, xamais apoiamos esa moción de censura. E a dirección provincial, no seu momento, freou a primeira idea do que era secretario xeral [Julio Sacristán] de apoiala. De feito, cónstame, porque así mo dixeron na agrupación provincial, que Abraham Gerpe quixo ser o cabeza de lista do PSOE en Coristanco, pero no partido tiñan claro que non sería o candidato.

-Cre que o electorado vai castigar ao PSOE en maio?

-O PSOE de Coristanco pode estar algo desilusionado, pero non está morto, nin o estará, que ninguén o dubide. Quen pense que está morto, equivócase. Outra cousa é que temos que proxectar outra imaxe.

-E como se fai?

-Para empezar, que o candidato sexa afiliado ao PSOE. Abraham Gerpe non o era e non se pode cometer ese erro nunca máis. Eu levo máis de vinte anos afiliado ao PSOE e quero o mellor para o PSOE. Vivo en Coristanco, non coma outros candidatos, que teñen a oficina en Coristanco, pero residen fóra. Para min, un candidato ten que vivir en Coristanco, coñecer a realidade diaria do pobo e as súas inquedanzas.

-E cales son as súas inquedanzas?

-Xa hai partidos que prometen un parque industrial e un montón de cousas máis sen un mínimo de criterio. Do polígono lévase falando anos e anos e nunca se fixo nada. Lembro cando Antonio Pensado comprometeu o seu mandato en facer o polígono. Onde está ese polígono? Eu son de falar de realidades e antes de falar das cousas hai que ver como se atopa o Concello. Que ingresos ten, que gastos ten, canto debe, canto se lle debe e logo falar de propostas. Tamén falan de baixar impostos. Como se vai falar, dende fóra, de baixar impostos se non saben de cantos cartos se dispón para facelo? Ollo, que rebaixar os impostos non é nada fácil, porque rebaixalos suporá unha merma na calidade dos servizos. Falamos de impostos e resulta que hai veciños que lle chegan a casa recibos da auga de hai dous e tres anos. Primeiro hai que falar de realidades, logo de propostas.

-Que propón vostede?

-Primeiro, revisar as contas e logo falar de proxectos. Hai un tema que o PSOE porá sempre enriba da mesa: a posibilidade que os eólicos paguen unha taxa por la enerxía que xeran en Coristanco. Mellorar o saneamento e a traída serán as outras prioridades.

-Haberá sete ou oito partidos en liza, para menos de 6.000 votos Como ve vostede as eleccións?

-Polo que sei Ciudadanos vaise presentar e seriamos oito partidos. Non haberá maioría absoluta e haberá que pactar. Eu teño claro que o Partido Popular e Antonio Pensado uniranse para acadar a alcaldía.

-Cal é o obxectivo do PSOE?

-Acadar dous concelleiros e, se é posible, ser chave dun futuro goberno.

-Se Abraham Gerpe precisara do apoio do PSOE para ser alcalde, daríallo?

-Xamais, que non conte con nós.