Mauricio de los Santos: «A xenómica foi toda unha revolución»

L. García, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

LUIS GARCIA

GENTES DEL FINIS TERRAE | Xenética Fontao, empresa de referencia para os gandeiros, vén de facer 20 anos. Fala Mauricio de los Santos, veterinario xenetista

15 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mauricio de los Santos, veterinario xenetista, traballa en Xenética Fontao, empresa que leva 20 anos prestando servizo aos gandeiros. Constituíuse no 1998 e naceu como sociedade anónima formada por un capital público do 80 % (Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia) e un 20 % de parte privada, que son as asociacións de gandeiros máis importantes: Fefriga (Federación Frisona Galega) e Acruga (Rubia Galega).

«Coa chegada da xenómica, o sector sufriu unha revolución tremenda. Despois da inseminación artificial, alá pola década de 1940, foi quizais a máis importante. Toda unha revolución», dixo de los Santos no programa Voces do Agro, de Radio Voz, conducido por Luis García, director da EFA Fonteboa de Coristanco. Disto e doutras cousas falou no espazo.

-Como ve a situación do sector lácteo? Hai algo positivo?

-Difícil! Hai luces e sombras, coma en todos os sectores. Sufriu e loitou moito (industria, prezos...), pero tamén se preparou e profesionalizou e, chegados estes momentos, penso que merece unha consideración como un sector profesional máis.

-Traballan en Fontao, pois, dúas liñas de investigación xenética, para vaca de leite e rubia galega.

-Correcto. Vinte anos non son nada, dicía a canción, e é verdade, pero son moitísimos tamén. En xenética, realmente, non son nada, porque a xenética e a súa mellora son lentas. Tan segura como lenta. Aínda así, vinte anos de traballo nunha empresa que ten como obxectivo a mellora xenética animal, en xeral, e máis en concreto a mellora desas dúas razas, xa nos permiten ter resultados. Tratamos de poñer a disposición dos gandeiros galegos a mellor xenética internacional a prezos moi competitivos, procurando que non teñan tanta dependencia do exterior como poderían ter se esta empresa non existira. Fontao é hoxe unha empresa con imaxe, con presenza nacional, europea e tamén internacional.

-Estivo vinculado a Xenética Fontao estes vinte anos?

-Non os vinte, pero si os doce últimos, tratando de colaborar. O número de persoas varía algo, pero somos arredor de 20 ou 25 os que traballamos [hai unha parte dedicada ao manexo dos animais e outra á investigación]. Temos aloxados máis de 300 touros, que hai que coidar e manter, polo que unha boa parte dese persoal está dedicado ás granxas. A outra parte, unha carga moi importante, é un laboratorio de xenética molecular moi avanzado onde se fan as probas xenómicas oficiais para toda España e para distintas especies. Temos outro de fecundación in vitro, coas tecnoloxías máis avanzadas en reprodución.

-Unha das claves da evolución da gandería de leite en Galicia foi a mellora xenética. Pasouse de 6.000 litros/ano por vaca a máis de 8.000. Como influíu?

-A evolución da raza frisona nestes 20 anos foi tremenda. Cheguei a Galicia hai entre 25 e 30 anos e lembro ben como eran aquelas vacas, como media. Ubres profundos, case arrastrando, tetos moi longos... No que a xenética máis colaborou foi en cambiar o tipo de animal, para que o gandeiro tivese un máis rendible, que lle deixase máis cartos, con máis lactacións e que lle durase máis. A mellora do sector foi integral, pero para iso houbo que traballar moitos paus: un foi este, o da xenética, co papel da Administración, pero outro foi o propio gandeiro (e o seu traballo). Na alimentación das vacas, por exemplo, hai 30 anos sabiamos moi pouco de como debía ser un bo silo ou do que debía comer a vaca para dar leite e non ter problemas. Manexo, instalacións... foron grandes avances. Nestes últimos anos, a tecnoloxía tamén está axudando moitísimo.

-Hai axudas para a adquisición de seme destes touros dos que falaba antes.

-Efectivamente. A nosa principal dedicación é producir seme de alta calidade para poñer a disposición dos gandeiros. Ofrécese a posibilidade de que todos os asociados poidan realizar unha compra conxunta, o que comporta unha redución sensible do prezo. É a idea desta campaña que fai Xenética Fontao. Os custos son variados, pero as doses dos touros máis caros desta casa, os mellores de España e entre os mellores europeos, poden andar polos vinte ou vinte e pico euros, sen os descontos.