Quen creou o Nadal?

Séptimo premio dos Contos de Nadal 2018 | Clara Pereira Otero, do colexio Canosa-Rus (Coristanco)


Nun Nadal de hai moitos anos, tantos que nin o calendario se acorda, había unha familia que vivía nunha pequena casiña do bosque, e nela unha nena moi curiosa. Melisa sempre se preguntaba: «Qué é o Nadal? Como se creou?». Unha mañá, co xardín cuberto de neve, fixo un boneco e pensou para si: «Oxalá que o meu boneco de neve se faga real!». E así, e como por arte de maxia, fíxose real. A nena quedou pampa. «Chámome Botóns», falou o boneco, «¿Onde estou?». «Estás na miña casa, no medio do monte», respondeu a rapaza, que tivo unha idea: «Que tal se imos de aventuras para descubrir quen creou o Nadal?». «Xenial! Cando marchamos?», cuestionou Botóns. «Cando o teñamos todo», contestou a súa amiga.

Pasados tres días, xa construíran un globo e comezaron a súa viaxe. Os dous amigos estaban preocupados, xa que apenas faltaban sete semanas para o Nadal. «Debemos atopar ao creador!», exclamou Melisa. «E se buscamos nesa montaña chea de neve?, suxeriu o boneco.

Cando chegaron oíron unha voz que dicía: «Bo Nadal! Noite de regalos e felicidade!». «De quen é esa voz?!», exclamou a nena, e o boneco propuxo ir investigar. Un home apareceu e preguntoulles aos amigos se estaban perdidos, ao que eles responderon: «Non o estamos, pero temos que buscar rapidamente ao creador do Nadal». O home contestoulles: «Oín dicir que está no castelo de xeo da cidade de neve», polo que Melisa e Botóns voaron moi alto ata que chegaron á cidade. Pero pinchouse o globo no que viaxaban, así que choraron desconsoladamente pensando que ían morrer, ata que ocorreu algo imprevisto: «Salveivos», díxolles un raposo, «Eu chámome Xeado. Que buscades?». «O castelo da neve», respondeu Melisa. «Só tedes que cruzar a ponte de xeo», indicoulles o raposo. Ao chegar á fortaleza pensaron que non había ninguén, máis unha muller con voz doce preguntoulles: «Que buscades?». «Ao creador do Nadal. Dígalle que estamos aquí», contestaron os dous amigos. «Son eu!», dixo a señora. «En serio? Eu pensaba que só podían ser homes», sorprendeuse Botóns. «Iso non importa! Todos podemos ser o que queiramos!», afirmou a creadora, e tanto Melisa como o boneco de neve coincidiron: «As nenas tamén sodes valentes!», dixo Botóns.

Ambos subiron á carroza máxica da creadora do Nadal, ata que chegaron á casa de Melisa. Esta pediulle se lle podía conceder un desexo antes de marchar. «Claro! Todas as persoas que son amables e boas merecen que se lles conceda un desexo», dixo a muller. Melisa pediu que todos os seus amigos que fixera durante a viaxe estiveran con ela durante a Noiteboa e a mañá de Nadal. «Desexo concedido!», exclamou a creadora do Nadal, que se despediu tirando bicos dende lonxe. Na véspera de Nadal, ás nove e media da noite, petaron á porta. Eran os seus amigos, e todos xuntos celebraron a Noiteboa por todo o alto. Cando xa todos durmían, a nena escoitou un ruído e viu que era, de novo, a creadora do Nadal. «Papá Noel está enfermo», díxolle a muller á nena, «Elixiume a min para repartir os agasallos». Cando Melisa preguntou polo seu regalo, a creadora díxolle que non tiña ningún. «Como? Non me traes nada?». «O agasallo que teño para ti xa o tes dende que naciches: a túa imaxinación», concluíu a muller.

Aquel Nadal a nena comprendeu que coa súa imaxinación chegaría a onde ela quixera.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Quen creou o Nadal?