«Non se me pasaría pola cabeza formar goberno se non gañase as eleccións»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Ana Garcia

Os novos aspirantes ás alcaldías | Juan Carlos García Pose, moi vinculado ao sector agrario, opta a ser rexedor de Coristanco polo Partido Popular

02 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Carlos García Pose (Podrizo, Oca, 1971) optará á alcaldía coristanquesa polo Pardido Popular nos próximos comicios do mes de maio. Presidente dun gabinete especializado en política agraria comunitaria, presta servizo a bancos, agricultores e gandeiros. Ademais, rexenta conxuntamente coa súa irmá a Casa da Tulla, unha actividade vinculada ao sector pataqueiro.

Emprende este novo proxecto de vida coa firme intención de que «pasado o tempo, cando alguén o valore, non me quede esa sensación de que o meu traballo non valeu para nada». Di crer firmemente no diálogo, na democracia e na humanización da política. Como exemplo de boa praxe toma o papel do PP no Goberno Autonómico, que considera «un referente».

-¿Que tal foi a produción de pataca esta tempada?

-Foi boa, aínda que houbo danos por pragas e polo mildiu, que foi bastante virulento. Aínda que houbo unha cantidade similar a outros anos, si é certo que a produción comercial foi menor. Irase compensando co prezo.

-¿Ocupará o agro unha parte relevante do seu programa?

-Coristanco é un municipio eminentemente rural. Hai que ir por orde e tratar de sacarlle partido ao que temos, poñer en valor todo aquilo polo que Coristanco xa é coñecido, singular. Hai moito por facer, e o agro é un sector moi agradecido, no que por pouco que se faga enseguida se ve un retorno e se observa como reverte na sociedade. Se queremos ter un medio rural que non arda e queremos fixar poboación, temos que darlle vida.

-¿Máis aspectos nos que poñerá o foco de atención?

-Creo que as persoas maiores tamén son unha materia pendente, e tamén a xente nova, a mobilidade e as infraestruturas. Teñen que ser eixos de traballo. Paralelamente, hai carencias estruturais importantes, como o abastecemento de auga e o saneamento. Témonos que fixar nos modelos doutros concellos e, sobre todo preguntar e escoitar o que precisa a xente. Calquera persoa coa que falas che di que Coristanco necesita un cambio importante, recobrar a confianza nas institucións e normalizar a política municipal. Agora mesmo hai un parón grave: pérdense axudas porque non se solicitan, non se están levando a cabo iniciativas...

Dous aspectos que tamén me parecen prioritarios: que se paguen menos impostos -sobre todo de circulación e IBI- e que os políticos lles custemos menos cartos aos veciños. Debería adelgazarse un mínimo dun 25%.

-¿Xa ten lista perfilada?

-Para min é o menos urxente. Estamos falando con empresarios, xente de asociacións... Persoas, en definitiva, con perfís moi interesantes e que seguramente serán os que compoñan ou representen este proxecto. Se a moitos de nós nos preguntan hai uns meses se nos viamos en política, teriamos dito clarisimamente que non. O que pasa é que para poñer solución aos problemas hai que baixar á arena. Tomar acción.

-¿Cómo pensa lidiar coa parálise política, administrativa e urbanística que atravesa o Concello?

-A min gústame moito o diálogo, así que o primeiro que faría sería trasladar unha invitación franca a que todo o mundo estivera cómodo para traballar, e trataría de non interferir. Pero sempre partindo da base de que temos a obriga de intentar facer todo o que poidamos para servir aos veciños. Ás veces servir é dicir que non, pero temos que tratar de resolver cousas. Se no resto de concellos saen as cousas, ¿Por qué non van saír en Coristanco? Eu creo que o que non se pode facer é resolver problemas con expedientes e con malas palabras. Teño a sensación de que os últimos anos non se aproveitaron adecuadamente. E é unha mágoa, porque non se recuperan.

-¿Cómo viviu a moción de censura?

-Cando mesturamos intereses que non son de todo claros, con certas posibilidades legais, acaban saíndo cousas que non terían que ter saído nunca. Para que este tipo de cousas non sucederan debería favorecerse que gobernase a lista máis votada, ou a min nunca se me pasaría pola cabeza formar goberno se eu non gañase as eleccións. Creo que é cuestión de moral e responsabilidade.

-¿A quen ve como o rival a bater?

-Nunca falei do que fan os demais, nin falarei. Temos que contribuír a normalizar a vida política municipal: non quero participar en insultos e descalificacións. Eu teño moito que falar de Coristanco e moi pouco dos rivais que se presentan por outras candidaturas. Convidaría a que todo o mundo fixera o mesmo.

A uns xulgaranos polo que xa fixeron, e a outros polos proxectos que traemos. A xente non é inxenua, e a mentira ten as patas moi curtas. Cada cousa que se prometa ha de ter un encaixe legal para que poida ser executada.